Denuncia da Mesa

Os consentimentos informados do Sergas, só en castelán

A Mesa pola Normalización Lingüística deu a coñecer o caso dun vigués ao que se lle impediu acceder a un consentimento informado para unha intervención cirúrxica en galego.

sergas

Imposíbel. Esta foi a resposta que recibiu un vigués que o pasado mes de febreiro solicitou recibir o consentimento informado para a intervención cirúrxica á que ten que ser sometido en galego.

O usuario recorreu á Unidade de Atención ao Paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro para esixir un consentimento informado en galego no prazo de 20 días mais transcorrido o prazo, non recibiu notificación ningunha.


O pasado ano, 2018, lembra a Mesa pola Normalización Lingüística, a Liña do Galego tramitou 303 queixas, das que un 12% estaban relacionadas co Servizo Galego de Saúde.

Desde a entidade de defensa da lingua saliéntase que "a administración autonómica con funcións e competencias para garantir estes dereitos non só abdica da súa responsabilidade, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación ao galego".

"A Liña do Galego só recolle unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos son sistemáticas", lamenta a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, para quen os “pasos atrás” da Xunta en materia de política lingüística son evidentes. “Quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e respecta o galego, é precisamente quen máis a incumpre e vulnera", agrega.

A Liña do Galego

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que, desde o ano 2007, atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que os vulneran; así como parabéns para quen dea pasos cara á garantía do dereito a vivir en galego.

Desde xullo do ano 2016, a Mesa puxo en marcha a app A Liña do Galego co obxectivo de proporcionar ás usuarias e usuarios unha nova forma de comunicación que permita o envío de queixas e parabéns dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda.

Comentarios