O Consello do Dépor abandona o barco por orde de Abanca e Antonio Couceiro xa é o novo presidente

A derrota ante o Coruxo foi a gota que desbordou o vaso da paciencia de Abanca, accionista maioritaria do Real Club Deportivo. Nunha comparecencia de urxencia na tarde de hoxe, o presidente Fernando Vidal recoñeceu que Abanca lles sinalara "a porta de saída", e pouco despois Antonio Couceiro era confirmado como o seu substituto. 
Fernando Vidal -no centro- xunto co resto dos membros do antigo Consello de Administración. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Fernando Vidal -no centro- xunto co resto dos membros do antigo Consello de Administración. (Foto: RC Deportivo).

"A derrota do Dépor ante o Coruxo no Vao provoca a caída do Consello de Administración". Este titular alternativo da noticia do día apenas dous anos atrás sería exclusiva de publicacións de carácter satírico, pero hoxe reflicte a degradación sen precedentes dunha institución centenaria que -non por repetido deixa de ser certo- está vivindo os peores momentos da súa historia.

O malestar de Abanca -máxima accionista do Deportivo- pola situación do equipo era xa indisimulada desde que a semana pasada Juan Carlos Escotet recoñecese a "precaria" situación tanto sobre o terreo de xogo como no eido económico e anunciase "cambios próximos" que conducisen á "profesionalización" do club.

E o primeiro deses trocos non se fixo esperar. Pasadas as 13 horas da tarde de hoxe o conxunto herculino anunciaba a convocatoria dunha inminente comparecencia de prensa do presidente, Fernando Vidal, e do seu Consello de Administración.

Todo? Non, porque David Villasuso, o home de Abanca na directiva, non estivo presente, evidenciando o divorcio entre a propiedade e a dirección.

O máximo dirixente deportivista comezou confirmando  que Abanca lle pedira ao Consello de Administración que se botase a un lado. "Falando en prata, sinaláronnos a porta de saída", engadiu con sorna un Vidal que deixou clara súa molestia coa decisión nunha comparecencia marcada pola ausencia máis absoluta de autocrítica, e na que as frases máis repetidas foron "non me arrepinto de nada" e "nós non temos culpa de nada".

Apenas uns minutos despois da conclusión desa rolda de prensa oficializabase o nome dos relevos de Vidal e os seus homes, pois non había nin unha soa muller no Consello deportivista, situación que muda coa entrada da produtora de cinema Emma Lustres, que torna así na primeira muller en formar parte da directiva dun Dépor que xa preside Antonio Couceiro, a quinta persoa diferente en dous anos á fronte "dese triturador de futbolistas, adestradores e Consellos que é o Real Club Deportivo da Coruña", en palabras do seu predecesor no cargo.

Couceiro é un home moi vinculado ao Partido Popular -foi conselleiro de Industria con Fraga- que nos últimos anos compatibilizou cargos en empresas como Greenalia coa dirección da Cámara de Comercio da Coruña.

Comentarios