O Consello das Mareas pide aos seus deputados e deputadas no Congreso que voten non aos orzamentos

Así o decidiu a executiva de En Marea por maioría na mañá desta cuarta feira.

Consello das mareas 29 de decembro 2018
photo_camera Consello das Mareas

O Consello das Mareas decidiu por maioría na mañá desta cuarta feira que os seus deputados e deputadas no Congreso voten non aos orzamentos xerais do Estado. As razóns desta negativa, explican nun comunicado, son a falta de compromiso orzamentario nos investimentos “coas necesidades económicas, ambientais e sociais de Galiza”, e a “falta de vontade negociadora para a súa modificación durante a tramitación parlamentar”.

Así pois, o mandato da executiva de En Marea á representación en Madrid é clara: votar non. Nesta mañá verase o sentido do voto deses cinco deputados e deputadas. Nas últimas semanas non foron un secreto as abertas diferenzas entre sinalados deputados de En Marea en Madrid, como Gómez-Reino, e a dirección de En Marea. Para o secretario xeral de Podemos, a representación en Madrid non se supedita a decisión da dirección de En Marea por ser previa a esta.

O proxecto de orzamentos para 2019 nace dun pacto político entre o PSOE e as confluencias lideradas por Podemos. As contas para Galiza, que comprendían un descenso moi acusado dos orzamentos para o país, colocou nunha situación politicamente delicada a representación política de En Marea en Madrid. Finalmente, desde En Marea emprazouse ao Goberno español a negociar a que denominan Axenda Galega do Cambio se querían o seu apoio ás contas. 

Yolanda Díaz pide a ministra que “galeguice” os orzamentos

Foi Yolanda Díaz quen exerceu de portavoz de En Marea no pleno de totalidade sobre os orzamentos do Estado. Díaz reclamou á ministra de Facenda, María Jesús Montero, que "galeguice" estas contas  para poder en base a elas "definir unha nova Galiza". "Non lle pedimos a Lúa, pedímoslle que mellore unhas contas que recortan 20% a Galiza”, dixo Díaz.

A congresista asegura que estes orzamentos “son os máis sociais da historia” grazas, dixo, ao traballo de Unidos Podemos. Pero, apuntou, “tamén teñen que ser galegos”, de aí que solicite que comprendan compromisos orzamentarios co país.

Comentarios