O Consello da Cultura analiza a situación da danza galega

Un total de nove personalidades representativas do sector da danza na Galiza perfilan as súas eivas e as súas fortalezas nunha xornada que leva por título O estado da danza na Galiza, coordinado por Dolores Vilavedra e Natalia Balseiro e que se desenvolverá hoxe na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela. 
imaxedanzaDEF
photo_camera Estampa dunha clase de danza. (Foto: CCG)

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza hoxe, 21 de decembro, terza feira, na súa sede en Compostela a xornada O estado da danza na Galiza.

A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e as coordinadoras deste encontro, Dolores Vilavedra e Natalia Balseiro, inaugurarán unha cita que se poderá seguir en directo desde a web do CCG ás 9.30 horas.

Segundo explican desde o Consello da Cultura, a súa intención é "dar a coñecer a situación actual da danza en boca das súas protagonistas; crear un espazo de dialogo entre todos os axentes implicados neste sector e deixar constancia deste formato a través dunha publicación -un informe-diagnóstico- e de varias gravacións en vídeo".

Baixo este paraugas, a xornada O estado da danza na Galiza concentrará nove personalidades representativas do sector para ir perfilando as súas eivas e fortalezas. 

Así, a investigadora Mercedes Prieto falará da danza no sistema educativo; o director do Conservatorio de Danza da Coruña, Luciano Gómez, e o director da Escola Superior de Arte Dramática, Manuel Vieites, abordarán o proxecto da Escola Superior de Danza e o seu futuro; e o coreógrafo e bailarín Quique Peón analizará o encaixe do baile tradicional e o folclore no sistema actual da danza.

Ademais, a bailarina e xestora cultural Caterina Varela reflexionará sobre formatos sustentábeis que transcenden a exhibición; o crítico de danza Afonso Becerra trazará a memoria dos inicios da danza na Galiza e a xestora cultural Sabela Mendoza, o dos novos contextos. 

Pechará esta xornada o director de Agadic, Jacobo Sutil, e a directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira. 

As intervencións están concibidas en forma de entrevista a todas estas participantes por parte de xornalistas como María Solar e de xestoras como Paulo Rodríguez e Natalia Balseiro.

Comentarios