Opinión

Conquistar a hexemonía

Para que unha opción política alternativa ao sistema poda cambiar positivamente a correlación de forzas, máxime se a súa loita procura a liberación nacional e a social, debe ademais de ser hexemónica na rúa, nas institucións e na loita das ideas, contar con miles de persoas organizadas e activas na loita laboral, social, ecolóxica, cultural, de xénero, etc. Daquela, para ser un proxecto transformador ao servizo das clases populares cómpre demostrar na práctica a eficacia, gañando loitas ou evitando retrocesos sectoriais, locais, de colectivos. E para isto é necesario ter obxectivos a mediano e longo prazo, e unha folla de ruta e métodos de traballo que permitan vencer os atrancos subxectivos e obxectivos, e por suposto: iniciativa e unha política de alianzas correcta.

Todos estes aspectos son interdependentes. Unha caracterización errada do momento histórico, das tendencias dominantes, da correlación de forzas, do estado de animo do povo, do grao de conciencia política, converte a mellor das vontades, mesmo o arduo traballo da militancia nos conflitos, en esforzos perdidos ou con resultados cativos. Por exemplo, cando non se relacionan os conflitos, e polo tanto non fan evidente a loita de clases e a solidariedade do movemento obreiro, ou fican reducidos ao ámbito de conflitos económicos e por condicións laborais limitados e sectoriais. Dando deste xeito por irrealizábel calquera cambio sistémico e de aspectos que son esenciais para loitar contra a explotación (outorgando valor á predica alienante do capitalismo). Mesmo algo tan primario como darlle divulgación aos conflitos gañados, ou non se fai, ou queda rebaixado a ser publicado en medios con escasa audiencia, sen facer ningún esforzo extra. Loitas que tiveron detrás mobilizacións de meses, participacións masivas e grande apoio social, facendo da clase traballadora protagonista da realidade. Non se trata polo tanto só dos atrancos do sistema, senón de métodos de traballo rutineiros. Algo preocupante nun mundo onde a comunicación, controlada polas clases dominantes, o abrangue todo, condicionando as opinións, as eleccións políticas... 

Algo tan primario como darlle divulgación aos conflitos gañados, ou non se fai, ou queda rebaixado a ser publicado en medios con escasa audiencia

 

Estes temas son un limiar necesario para analizar o momento actual no nacionalismo, cando todo semella estar condicionado polos resultados electorais, pasados e futuros. Unha dinámica que mesmo incide sobre as organizacións de masas, xa que para alén da loita laboral, veciñal e social, de fábrica, sector e localidade, non hai campañas nacionais anunciadas, xa que o 10 de Marzo, 1º de Maio ou o Día da Patria, mesmo que sexan masivos, son datas máis de conmemoración que reivindicativas, especialmente as dúas primeiras. E esta preeminencia do institucional non é precisamente positiva para as forzas do nacionalismo galego, porque é neste ámbito (e na loita das ideas) onde ten menor peso, maior fragmentación, e unhas expectativas moi condicionadas polos medios, agás nos pequenos concellos. Analicemos o contexto.

No ámbito da esquerda (se incluímos nela ao PSOE) todo indica que, dado o estado de animo e o escenario xerado polos medios, este partido vai recuperar ex simpatizantes, atraguer o voto doutras opcións de esquerda e persoas moderadas e da abstención, como resposta útil ao temor dun governo de alianza da dereita (PP+Ciudadanos+VOX). O retroceso de Podemos amplía esta percepción do PSOE como a única solución neste intre. Tamén lle axuda, e moito, as medidas tomadas en materia laboral, pensións e de xénero que, sendo limitadas, resultan un éxito propagandístico dado que á súa esquerda non se ofrecen alternativas máis audaces nos programas e nas mensaxes, ou se obvia o tema. Cando deixou no caixón, ou sexa fuxiu, da eliminación de cuestións fundamentais, como a reforma laboral, a lei mordaza, o artigo 315.3 do CP, e unha solución para as pensións.

Esta análise tamén é valida para Galiza como consecuencia da ruptura de En Marea, e a presentación de Podemos+EU baixo outra marca

 

Esta análise tamén é valida para Galiza como consecuencia da ruptura de En Marea, e a presentación de Podemos+EU baixo outra marca. É verdade que a falta dun acordo con Anova, e que as mareas de A Coruña e Compostela non optasen claramente por unha opción, aparentemente prexudica a Podemos+EU. Mais esta desvantaxe está compensada pola incidencia dos medios estatais, o anuncio que Anova irá en coaligazon con estas forzas estatais nas autonómicas, e a declaración do alcalde de A Coruña respecto de que votará por aqueles que defendan as clases populares do Estado español e a Coruña; ou sexa, obviando a Galiza como unha nación, e chamando na práctica a votar por Podemos+EU. Ulo a autoorganización e o dereito de autodeterminación, como parte esencial dun proxecto ao servizo do país?

Dado que todas as forzas priman o marco institucional, as alternativas á cuestión laboral e para a socialización de sectores produtivos practicamente desapareceu dos programas e mensaxes, só se fala da precariedade e desigualdade sen ofrecer solucións. Non se trata dunha cuestión menor xa que afecta á maioria da sociedade, e os resultados dos vindeiros procesos electorais van marcar o panorama político por bastante tempo, tamén o papel que terán as dúas forzas nacionalistas con posibilidade de obter unha representación nas vindeiras eleccións: En Marea e máis o BNG. Agora ben, aínda no mellor dos escenarios posíbeis para estas dúas organizacións (ou para unha delas), a representación no Parlamento español e na Eurocamara é importante porén simbólica a efectos prácticos. E, mesmo que nas municipais a presenza do nacionalismo aumente ou se manteña, por si soa non condiciona o debate político, nen permite construír un proxecto de cambio. Máxime cando todo se centra na mellora da xestión e dos servizos como tendencia natural, ao faltar como contrapeso nos partidos a mobilización e o debate político estratéxico a través dos medios e de propostas que confronten e superen o sistema.

Mesmo que nas municipais a presenza do nacionalismo aumente ou se manteña, por si soa non condiciona o debate político

 

Concretando. Neste contexto, e con esta correlación de forzas, ao nacionalismo galego séguelle a faltar base e empuxe suficiente para construír o suxeito estratéxico co que rematar coa explotación e liberar Galiza (que son tarefas interdependentes e que se deben realizar a un tempo), para facer críbeis as propostas de cambio. E neste aspecto a ruptura de Podemos e EU con En Marea, crea un contexto propicio para o achegamento desta forza co BNG. Tratase dunha nova oportunidade para o nacionalismo!!! Un proceso que se debería desenvolver e acelerar despois das eleccións xerais e municipais para poñer as bases que permitan unificar o soberanismo, e reconfigurar o panorama político de Galiza en beneficio das clases populares; poñendo por adiante o proxecto e non as siglas nen os cargos. Neste aspecto temos como antecedente un proceso que deu lugar á constitución da maior organización do nacionalismo, a CIG, do que hoxe todos e todas se gaban, superando as feridas de pasadas confrontacións e pensando no país, e que debería servir de exemplo. En todo caso, quen atranque esta folla de ruta terá que argumentar e que responder diante das clases populares e da militancia, tanto a soberanista como a exclusivamente antistémica no social.

Coido que para avanzar nesta andaina o escenario máis acaido sería, que as forzas nacionalistas (En Marea e BNG) acaden os mellores resultados nas vindeiras eleccións. E que a reflexión sobre os obxectivos e a correlación de forzas, que se realice posteriormente, non se faga dende a derrota senón dende unha análise estratéxica da construción dunha forza para a liberación nacional e popular. Daquela a importancia de que o BNG supere o 5,9% de votos (uns 100.000) que nas xerais lle dá a enquisa da Voz de Galicia. Isto permitiríalle tomar a iniciativa e ademais contar co aval necesario para reagrupar o nacionalismo. Non é unha cuestión secundaria que a única forza que sempre puxo por diante, na práctica, a centralidade de Galiza, comprendendo a trampa que implicaba toda cesión da capacidade de decidir e da iniciativa, aínda que fose de modo conxuntural, medre como referencia electoral neste contexto, tan complexo e determinante, e mesmo poda obter representación no Parlamento español.

O escenario máis acaido sería, que as forzas nacionalistas (En Marea e BNG) acaden os mellores resultados nas vindeiras eleccións

 

Agora ben, non se pode obviar que nos últimos anos o nacionalismo galego colocou nun segundo plano as propostas laborais e económicas (e para o rural), no que semella un fuxir da confrontación co capitalismo, ou dunha aceptación de que non hai posibilidade de superalo. Nunha actitude semellante á asumida por boa parte da esquerda mundial. Este tema merece un artigo especifico, xa que está máis vinculado ao papel que deben ter os partidos de clase na fronte, e como se expresan e teñen que solucionar as contradicións no seo desta. Así como respecto das diferencias cualitativas que existe entre movemento e fronte política, nas sociedades nas que a clase traballadora é a inmensa maioría, como é o caso da Galiza actual, aínda que xa era determinante hai medio século. Un contexto moi distinto daquelas nacións nas que o mundo agrario de autoconsumo abranguía practicamente toda a sociedade e a clase obreira era mínima, caso das colonias africanas e asiáticas. O colonialismo tamén ten características especificas, segundo a rexión, segundo o momento histórico

https://obloguedemera.wordpress.com/