O Congreso vota hoxe as conclusións da "reconstrución"

Case 700 emendas dos grupos políticos chegaron á sesión do Congreso dos Deputados que onte e hoxe, cuarta feira 21 de xullo, debate e vota o ditame da comisión de reconstrución social e económica. O PP achegou posicións onte co PSOE, o que fixo a este afastarse das formacións que propiciaron a investidura de Pedro Sánchez. 
O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ex lehendakari Patxi López (PSOE) presentou as conclusións da comisión de reconstrución (Imaxe: Nós Diario)

O presidente da comisión para a reconstrución social e económica, o socialista Patxi López, presentou onte, terza feira 21 de xullo, as conclusións ás que chegaron os membros deste grupo de traballo. E fíxoo desde o atril do Congreso realizando un chamamento á unidade de todas as forzas políticas para "paliar a crise".

Esta cuarta feira continúan na Cámara as votacións sobre os ditames dos catro grupos de traballo da reconstrución: políticas sociais, sanidade, reactivación económica e Unión Europa. Ningún deses textos logrou o apoio do PP cando se confeccionaron na comisión, mais onte os de Pablo Casado chegaron a acordos co PSOE en materia sanitaria, pactando a creación dunha Axencia Nacional de Saúde.

Tamén Ciudadanos avanzou que acordara co PSOE unha emenda similar á do PP para crear esa axencia, un órgano que se encargaría de "potenciar a coordinación" do Estado cos sistemas de saúde autonómicos. Así o explicou o portavoz de Cs, Edmundo Bal, xusto despois de exixir a Pedro Sánchez que "tomase o control da situación en Catalunya" ante os rebrotes, ligando a nova medida acordada á recentralización e intervención de competencias autonómicas. Con todo, o PP dixo onte que seguiría estudando as propostas e que hoxe anunciarían o voto aos ditames. Así pois o Goberno non garantiu no pleno da terza o apoio da dereita, pese a perseguilo e deixar para iso atrás medidas progresistas como o imposto ás grandes fortunas. 

O BNG di 'non' e pide unha xestión pública da sanidade

O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu o seu 'non' ao ditame da comisión ao esta non incorporar "políticas transformadoras que eviten que a crise a paguen de novo as e os traballadores" e por "non asegurar" unha xestión pública e de calidade da sanidade e dos servizos sociais. O BNG pediu a intervención pública de Alcoa, o dereito da Galiza a decidir sobre a súa economía, e lamentou que tanto PSOE como Podemos rexeitasen propostas como a xestión directa da sanidade pública, o imposto ás grandes fortunas, reducir o gasto militar ou recuperar o rescate bancario. 

Montero asegura que segue avante coa derrogación da reforma laboral

O Goberno español reivindicou onte que seguirá avante coa súa "folla de ruta" e o seu "calendario" en relación á derrogación da reforma laboral do PP. Así o anunciou onte, ao finalizar o Consello de Ministras, a portavoz do Executivo, María Jesús Montero, que desvinculou tombar esa reforma das conversas no cumio da Unión Europea para o reparto dos fondos de reconstrución. A cuestión de que as axudas da UE estivesen condicionadas a non derrogar a lexislación laboral do PP non formaría parte da "realidade das conversas", dixo a ministra. Con todo, si sinalou a necesidade de "adaptar" o calendario do Goberno á situación sanitaria, deixando así a data da derrogación na indefinición. Montero tamén informou da aprobación no Consello Ministerial dun aumento de 22% das contías das bolsas para alumnado no novo curso 2020-2021.  

Comentarios