Un congreso sobre a poesía galega que a reivindica como "pedra basilar" da literatura galega 

O 6 e o 7 de outubro Pontevedra acollerá a celebración de "Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega", un congreso de poesía organizado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, que pretende "darlle unha visibilidade social máis ampla" á poesía e reivindicala "como pedra basilar do sistema literario galego", segundo Cesáreo Sánchez. 

no_seu_despregar (1)
photo_camera Conxunto de poetas novas que forman parte da antoloxía 'No seu despregar' de Apiario

"Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega" é o título do Congreso de Poesía que a AELG está a preparar, co obxectivo de facer unha revisión da produción poética dos últimos 40 anos. Terá lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra os días 6 e 7 de outubro e estará formado por 6 mesas redondas, abertas á interacción co público asistente. 
O obxectivo da AELG é "facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece dunha certa invisibilidade social, o que fai máis necesario que nunca un Congreso que se converta nun punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor de todas as perspectivas vinculadas ao feito poético".

Cesáreo Sánchez considera que a poesía "sempre gozou dunha moi boísima saúde malia as dificultades para publicar, que continúan xeración tras xeración"

Segundo Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, "era necesario un monográfico para darlle unha  visibilidade social máis ampla e tamén, dalgún xeito, reivindicar a poesía como pedra basilar do sistema literario galego, que ten un peso determinante". É un dos poucos territorios, afirma o tamén poeta, "nos que se pode dicir que somos unha terra liberada, un lugar de normalidade cultural". 

40 anos moi "fructíferos"

Para Sánchez foron 40 anos "moi fructíferos" a pesar de que se foi dificultando a condición do poeta, pois "a precariedade laboral no mundo da cultura ten moito que ver na poesía". Afortunadamente, na súa opinión, a poesía "sempre gozou dunha moi boísima saúde malia as dificultades para publicar, que continúan xeración tras xeración" e lembra as palabras de Antonio Gamoneda cando afirmou que a poesía galega é a máis importante dentro do Estado. 

Ademais, nos últimos anos xurdiron proxectos especializados en poesía, como as editoriais Apiario ou Chan da Pólvora, que son -segundo o presidente da AELG- un "síntoma de saúde, xunto coa  certa normalidade no resto das editoriais, con coleccións estables de poesía". 

Seis mesas redondas

O Congreso estará formado por 6 mesas redondas, que tratarán temas como a poesía galega de 1976 a 2016; o teatro e outras formas de comunicación do poético; interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia; traducións e diálogos con outros sistemas poéticos; 40 anos de poesía aos ollos da crítica; e innovación poética, trans-xénero, novas modalidades. 

Comentarios