O Congreso español inicia o trámite para contar cunha lei de eutanasia

O pleno da Cámara Baixa aceptou tramitar a lei para a despenalización da eutanasia, con máis de 200 votos a favor e a oposición de Vox e PP. 
 
A ex ministra de Sanidade, Luisa Carcedo, foi a encarga de defender a proposta (Imaxe Europa Press)
photo_camera A ex ministra de Sanidade, Luisa Carcedo, foi a encarga de defender a proposta (Imaxe Europa Press)

O  Congreso dos Deputados debateu na terza feira, 11 de febreiro, a toma a consideración da proposición de lei de regulación da eutanasia, apresentada polo PSOE. A proposta, que ha de ir agora á Comisión de Sanidade, resultou referendada por máis de 200 votos provenientes do propio PSOE e de formacións como Unidas Podemos, BNG, Esquerra Republicana , Junts per Catalunya, PNV, EH Bildu ou Ciudadanos. En contra só ficaron o PP e Vox. 
Decembro de 2018 foi cando o partido do presidente Pedro Sánchez apresentara xa o mesmo texto que esta terza se debateu. Daquela estivo en tramitación até o mes de marzo de 2019, mais ficou parado pola disolución das Cortes Xerais debido á convocatoria das eleccións estatais de abril dese mesmo ano. 

O PP considera a eutanasia unha filosofía da esquerda para aforrar gastos

A proposta do Partido Socialista aprobada na terza feira no Congreso defende pois que a axuda para morrer estea presente no Sistema Nacional de Saúde, que a poida solicitar quen padeza enfermidade grave, incurábel ou invalidante e que provoquen unha importante carga de sufrimento ás persoas "en termos de mobilidade ou de sufrimento psicolóxico, pola irreversibilidade destas enfermidades". 

Será a persoa paciente quen, libre e voluntariamente, pida esta medida. Precisarase da valoración de dúas persoas médicas. A proposición tamén formula a obxección de conciencia, mais terase que garantir á persoa que se atopa nesa situación que, cando a súa médica ou médico de referencia formule a obxección de conciencia, o sistema sanitario proporcionará os recursos humanos para garantir o cumprimento da vontade da persoa paciente. 

Garántese o dereito á eutanasia e o de obxección de conciencia

A este respecto, a portavoz do Goberno María Jesús Montero afirmou na terza feira, 11 de febreiro, ao saír do Consello de Ministras e de Ministros que "se compatibilizará o dereito á obxección de conciencia co dereito da persoa a que se respecte a súa vontade e o respecto ao cumprimento da lei". 

A eutanasia só procura aforrar gasto social, di o PP

Sen cancelas valoraron desde o Partido Popular a proposisicón de lei de eutanasia que promove o PSOE, chegando a asegurar que a morte digna responde a "unha filosofía da esquerda para evitar o custo social do envellecemento do país pola vía do recorte en prestacións de dereitos sociais, de axudas e de gasto en materia de sanidade, pensións e dependencia". 
Con esas palabras expresouse o portavoz adxunto en materia sanitaria do PP no Congreso, José Ignacio Echániz, horas antes de producirse o debate

Nese sentido, o popular asegurou que das "200.000 persoas susceptíbeis de ser tratadas con coidados paliativos" no Estado, "a metade" non poden acceder a eses tratamentos. Por iso, Echániz asegurou que até que a situación non se solucione "non se pode falar de eutanasia", e afirmou que a aposta do PP céntrase nos coidados paliativos.
"Estamos falando de que cada vez que unha destas persoas falece ou morre empurrada pola vía da eutanasia, o Estado aforra moitísimo", espetou. 

Non tardou en respostar o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, quen escribiu na súa conta de Twitter: "señores do PP, o único que aforrará a lei de eutanasia é o sufrimento de miles de persoas".

A tensión continuou no debate durante o pleno. O vice presidente do Goberno e líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, preguntou en voz alta "Quen dixo iso?". Posteriormente explicou na súa conta de Twitter que interrompeu o debate porque mentres o portavoz da formación morada Pablo Echenique interviña para defender a eutanasia, desde a bancada da dereita un deputado berrou "é repugnante que ti defendas iso". 
"Ese deputado debe dar a cara e pedir perdón", instou Iglesias no seu chío. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

Comentarios