O Congreso debaterá unha iniciativa do BNG para nacionalizar Alcoa

O seu portavoz, Néstor Rego, defenderá na Comisión de Industria, Comercio e Turismo que a factoría de San Cibrao (Cervo), volva ao sector público.

Néstor Rego, voceiro do BNG no Congreso (Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, voceiro do BNG no Congreso (Nós Diario)

Esta vindeira terza feira debaterase na Comisión de Industria, Comercio e Turismo, a través dunha Proposición Non de Lei a intervención pública da factoría de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Anunciouno este sábado o deputado nacionalista Néstor Rego.

“Atopámonos nun momento decisivo no que a nacionalización é agora, máis que nunca, a única saída para salvar a planta, despois de que a empresa comunicase a parada das cubas, a entrada nun ERE e o despedimento de 415 traballadores e traballadoras”, explica Rego.

Nacionalizar a planta

O BNG leva reclamou desde que se anunciara o peche da factoría reclamando a nacionalización da planta para retornala ao ámbito público, mantendo desta forma os postos de traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña. “O Goberno español, conxuntamente co Goberno galego, debe pór sobre a mesa a nacionalización de Alcoa para salvar o complexo industrial e os empregos directos de máis de mil traballadores e traballadoras” salientou.

PSOE e PP contrarios

O pasado 11 de setembro, PSOE e PP votaron en contra doutra iniciativa que presentara o BNG no Congreso na que se instaba a apostar pola intervención pública da planta de aluminio no caso de fracasar a negociación con Alcoa para a súa venda. Despois do fracaso das negociacións, Rego explicou que “nin o marco normativo galego, nin o do Estado español, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa; polo tanto, esta solución só necesita da vontade política das Administracións públicas”.

Comentarios