Congreso dá luz verde ao estado de alarma até maio

Pedro Sánchez comparecerá cada dous meses para dar conta da evolución da pandemia, pero sen votacións. "Si crítico" do BNG.

 

O Congreso, onte, no debate sobre a prórroga da alarma (Imaxe: Pool)
photo_camera (Imaxe: Pool)

O Pleno do Congreso aprobou hoxe prorrogar até o 9 de maio de 2021 o estado de alarma decretado polo Goberno español para facer fronte á segunda onda do coronavirus, aínda que deixou aberta a posibilidade de que a medida poida ser levantada en marzo, en función da evolución da pandemia.

A prórroga contou co apoio de 194 deputados de PSOE, Unidas Podemos, Cidadáns, Máis País- Equo,  Compromís, PNV, BNG, Coalición Canaria, Nova Canarias, o Partido Rexionalista de Cantabria, Teruel Existe e os catro deputados do  PDeCAT, que por primeira vez votaron distinto dos seus compañeiros de  Junts.

Houbo 53 votos en contra, que son os de  Vox e do deputado do Foro Asturias, mentres que o PP abstívose, ao igual de  Bildu, a  CUP e Unión do Pobo Navarro ( UPN), sumando 99 abstencións.

O BNG deu un “apoio crítico, por responsabilidade”, situando a saúde co o prioridade. O deputado nacionalista Néstor Rego indicou tamén que “non se derrota o virus só co estado de alarma. Faise fortalecendo a sanidade pública, dotándoa de máis recursos materiais e humanos”..

Esquerra Republicana pactou co PSOE unha proposta de resolución, aprobada pola mañá, e que obriga ao presidente Pedro Sánchez a render contas cada dous meses da aplicación do estado de alarma.

Ademais, establece que, tras catro meses de prórroga (9 de marzo), a Conferencia de Presidentes, previo acordo do Consello Interterritorial de Saúde, poida decidir, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos e sociais, se o levanta ou o mantén ata o 9 de maio.


 

Comentarios