O conflito da xustiza non desaparece, transfórmase

Após tres meses de paro a greve na administración de xustiza interrómpese mais sen desconvocarse. Un novo escenaio de loita, insisten desde sindicatos como CUT e SATJ, que apoian esta suspensión. Desde a CIG, porén, posiciónanse contra esa interrupción e propoñen un laudo arbitral. En todo caso, coinciden, a última palabra non está dita.

greve xustiza
photo_camera greve xustiza

Tres meses de loita son tres meses de desgaste, de perda de salarios e cotizacións, de dureza. O paro protagonizado polas traballadoras e traballadores da administración de xustiza de Galiza na defensa dos seus dereitos e contra a discriminación a respecto doutros territorios do Estado marca un fito na conflitividade laboral. A greve chega á súa fin como tal. Así o decidiu após as asembleas desta segunda feira a maioría dos sindicatos que ficaban activos no seo do comité de greve. Chega á súa fin mais non desaparece, esclarecen estas centrais, senón que se transforma.

Interrómpese, que non se desconvoca. Dos catro sindicatos que continuaban a apoiar a mobilización (CIG, CUT, SATAJ, USO), tres apostaron en suspender a greve. Só a CIG se opuxo. “Temos a representación que temos, non somos maioría sindical na xustiza”, recoñece Óscar Freixedo, da central nacionalista, en conversa con Sermos Galiza. Considera que unha suspensión da folga “sen garantía de interlocución real por parte da Xunta para chegar a un acordo é unha saída que non resolve o conflito”. Por iso, aponta, a proposta que fai a CIG dun laudo arbitral. 

De por parte, Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) xustifica a interrupción en que após tres meses de greve “facíase necesario cambiar de escenario”. Non remata o conflito, insiste, senón que  este entra nunha nova fase. “É un conflito a longo prazo”, explica a Sermos Galiza, “no que a Xunta parece que aposta en esmagar, en impoñer, non en negociar”. Parabeniza os e as traballadoras por estes tres meses de mobilización e recoñece non ter moita confianza na vontade de chegar a un acordo por parte da Xunta: “Rueda é un impresentábel, un incompetente”, asegura, en referencia ao vicepresidente da Xunta.

No comunicado do comité de greve piden aos sindicatos que acadaron no seu día un preacordo coa Xunta (CCOO, CSIF e UXT) e que se descolgaron do comité que se sumen ao resto de centrais na petición á Xunta dunha “xuntanza urxente” que dea solución ás demandas do persoal.

Avanzos

Desde que o conflito comezou até agora, obrigouse a Xunta a mover ficha, algo ao que o goberno de Feixóo non estaba disposto nun inicio. A administración galega tivo que facer propostas e compromisos concretos fronte ás demandas do sector. Así, a segunda oferta formulada pola Xunta implicaba unha suba de 140 euros na categoría de forenses; 135 euros para xestores; 127 para tramitadores; e de 122 para auxilios. Aplicaríanse en tres anualidades: 50% para 2018, o 30% para o seguinte ano e o 20% para 2020.

Comentarios