O confinamento provoca un aumento dos delitos na rede

Os delitos na rede aumentaron co confinamento (Nós Diario).
photo_camera Os delitos na rede aumentaron co confinamento (Nós Diario).

A criminalidade caeu 64,9% na Galiza entre 0 14 e o 31 de marzo, as primeiras semanas após a entrada en vigor do estado de alarma. O confinamento explica en boa medida este descenso, que non afecta a todos os delitos por igual. De feito, os informáticos incrementáronse dun modo "exponencial", segundo fontes policiais. 

Detrás destes crimes, que aumentaron grazas en parte a un maior uso de internet por parte da cidadanía,  hai estafas de todo tipo. A policía detectou múltiples casos de correos electrónicos "maliciosos" que alteraban un dominio de Internet para suplantalo mediante a utilización dunha imaxe e unha URL falsas. Nas últimas semanas, descubríronse tamén mensaxes nas que as persoas remitentes se identificaban como empresas de transporte ou entidades bancarias. No primeiro caso, solicitábase ao receptor do correo un pago por adiantado para recibir un paquete e, no segundo, demandábanse datos persoais dun cartón ou dunha conta bancaria para desbloquear a súa actividade.

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) alertou tamén da detección de correos electrónicos fraudulentos mediante os que se tentou extorsionar empresas ao sinalar que a súa páxina web fora atacada, e mensaxes remitidas desde aplicacións de redes sociais e mensaxería instantánea nas que instaban as persoas receptoras a cubrir cuestionarios relacionados coa crise sanitaria actual.

Outras estafas realizadas a través de internet detectadas nas últimas semanas estaban relacionadas coa devolución de prestacións vinculadas a Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e a campaña da renda. A Axencia Tributaria recomendou aos contribuíntes que eviten atender chamadas ou mensaxes de remitentes que se identifiquen como este organismo, xa que, segundo alertou, trátase de intentos de engano, e lembrou que só poderían recibir chamadas se solicitaron con anterioridade unha cita previa a través dalgunha das canles dispoñíbeis para iso.

Ante esta situación, desde a Policía insisten na necesidade de extremar as precaucións e evitar achegar os datos persoais e bancarios a través de internet. Trátase de actuar "do mesmo modo no que o farían na vía pública se un descoñecido lles pedise información persoal".

Comentarios