O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou que a multinacional lle comunicou no transcurso da xuntanza que se está a realizar no marco do período de consultas do ERE, que o comprador interesado en facerse coas plantas é a multinacional Liberty House Group.
Liberty House Group é unha multinacional do metal situada en Reino Unido que xa mostrou en 2019 o seu interese en facerse coas plantas de Alcoa da Coruña e Avilés --que adquiriu Parter--.
En 2019, Liberty House fíxose con varias plantas siderúrxicas de ArcelorMittal. Unha operación que recibiu o visto e prace de Bruxelas ao non expor problemas de competencia no mercado único, dado que só observou solapamentos "limitados" entre as actividades.
Segundo informa o comité de empresa, Alcoa aclarou que ese posíbel comprador estaría interesado na adquisición das dúas plantas que forman o complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, tanto a de alúmina como a de aluminio primario.
Porén, Alcoa tamén lle comunicou á representación dos traballadores que só está interesada en vender coas cubas paradas, algo ao que se opón o comité de empresa, porque sostén que iso significaría “matar o corazón da fábrica”.
Ademais, a multinacional tamén informou ao comité que, neste momento, só estaría interesada en vender a planta de aluminio.