Descubrindo Fernando Fariña, o ídolo futbolístico de Castelao

Unha caricatura permite coñecer a figura do que foi o primeiro xogador profesional do balompé galego, aló polos anos 20. Fariña era un deportista que ao saír dos campos de fútbol frecuentaba círculos sociais cheos de artistas e intelectuais, algo moi pouco común daquela, e que chamou a atención de Castelao, que dedicou os seus trazos a un home que sempre levaba a boina ben encaixada na testa.

Fernando Fariña
photo_camera Fernando Fariña, visto por castelao. Imaxe: cedida

Non é descoñecida a afección de Castelao polo fútbol, que incluso gustaba de inmortalizar en caricaturas os seus xogadores preferidos. Entre eles o seu favorito dentro e fóra do campo, un pequeno centrocampista de Vigo que non só destacaba pola súa técnica sobre o terreo de xogo -que o levou a ser un dos primeiros profesionais do balompé na Galiza, chegando a cobrar 500 pesetas polos seus servizos-, senón porque cando non lle estaba a dar patadas ao balón frecuentaba círculos sociais nos que abundaban artistas e intelectuais, algo moi pouco común nun deportista da época. De feito, unha vez retirado, desenvolveu profesións fóra do fútbol como a de colaborador de prensa, mestre de escola, xuíz e mesmo a de alcalde na vila mariñeira de Porto do Son, localidade que conta cunha avenida co seu nome.

Nese retrato de Castelao poden distinguirse as dúas características máis recoñecíbeis de Fernando Fariña: as pernas tortas e o feito de xogar sempre cunha boina na testa, algo que resultaba insólito mesmo daquela, pero que para el tiña unha boa xustificación: “A boina vén motivada por ser home de pouco pelo. Comecei a usala desde os meus comezos de futbolista en Pontevedra, e despois habitueime de tal forma que era algo que non podía faltar na miña vestimenta. Merco a máis cativa que houber e momentos antes de saír ao campo mólloa para encasquetala ben para, unha vez seca, xa poder golpear o balón de calquera modo, que non vai caer. Tal parece que a levase cosida”.

FARIÑAConsiderado un dos máis carismáticos do seu tempo, o seu percorrido no mundo do fútbol empeza no seu Vigo natal, concretamente no equipo dos Maristas, de onde pasa ás categorías inferiores do Sporting Vigo, onde xoga até que a súa familia se traslada a Pontevedra. Alí militou no Helénico, primeiro, e no Eiriña, despois, onde chamou a atención do Deportivo -que se fixo cos seus servizos no ano 1925- e do propio Castelao, que decidiu debuxalo durante esta etapa pontevedresa.

O seu rendemento na cidade herculina foi incuestionábel, e axiña se converteu nun dos favoritos dos afeccionados pola súa visión de xogo e a súa entrega e xenerosidade cos seus compañeiros. Tan famoso se fixo que en 1930, aínda como futbolista en activo, a Asociación da Prensa da Coruña organizou un partido homenaxe ante o Celta e fíxolle entrega dun balón de ouro “en recoñecemento á deportividade que sempre demostrou sobre o campo”.

Defendeu as cores do Celta e do Deportivo 

Continuaría xogando no Dépor até o ano 1934 e unha vez retirado volveu ser homenaxeado, esta vez cun encontro entre o Deportivo e o Athletic de Bilbao que resultou ser todo un acontecemento na cidade. De toda Galiza chegaron mensaxes agarimosas para Fariña, entre as que se atopaba unha procedente do Real Club Celta de Vigo, camisola que Fariña vestira nunha xira americana que os celestes levaran a cabo en 1928, converténdose nun dos pouco máis de medio cento de xogadores que vestiron as cores do Celta e do Deportivo. Con seis compromisos pactados ao outro lado do Atlántico, a directiva viguesa reforzou o equipo con futbolistas a préstamo do Racing de Ferrol, do Sevilla e do Deportivo, que cedeu o propio Fernando Fariña, o gardameta Isidro e Luís Otero.

Na súa última campaña como futbolista profesional ocupou tamén o banco deportivista, sucedendo José Planas o 15 de xaneiro do 34 e sendo relevado por José Torres o 4 de maio. Tras desenvolver outras tarefas dentro e fóra do fútbol, vinte anos despois, en 1953, foi designado de novo adestrador deportivista para tratar de salvar a praza en Primeira División, mais tras unha xeira de malos resultados foi cesado e substituído por Waldo Botana, que ocupou o cargo de forma interina até que o club fichou un dos técnicos máis populares de todos os tempos, O Mago Helenio Herrera.

Comentarios