CONSTANCE MARKIEVICZ

Unha condesa nacionalista e feminista no Alzamento de Pascua

Constance Markievicz (London, 1868) é coñecida por ser a condesa que loitou pola independencia de Irlanda no Alzamento de Pascua de abril de 1916, cuxo cen aniversario se conmemora estas semanas. Xunto a Elizabeth O’Farrel ou a doutora Kathleen Lynn, formou parte das rebeldes irlandesas feministas.

Markiewicz
photo_camera Markiewicz

Alén de Padrick Pearse e James Conolly, participaron no Alzamento de Pascua outros heroes e heroínas que desenvolveron un papel destacado nos fitos do Alzamento de Pascua de 1916 que sentaron as bases da independencia de Irlanda. Markievicz abandonou a aristocracia cando abrazou os ideais socialistas e independentistas. De aí o alcume Red Countess.

Membro do Exército Cidadán Irlandés, no que combateu co grao de tenente, esta feminista e nacionalista chegou a tomar o Saint Stephen’s Green, un parque público de Dublín, durante o Alzamento de Pascua, tal e como lembra Iñaki Bergaretxe, socio da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), entidade que celebra estes días o cen aniversario do fito. Este activista da memoria explica que “ao achegárense os militares británicos, prohibiulles avanzar máis aló dunha liña marcada polas barricadas, porque o outro lado, avisou, era territorio da República Irlandesa que acababa de ser proclamada. Advertiunos de que abrirían fogo se avanzaban”.

Constance Markievicz tomou un parque público como metáfora da independencia de Irlanda

Na defensa do parque público metáfora desa desexada República de Irlanda, esta muller socialista provocou a fuxida dos militares británicos, “desconcertados e aínda coa sorpresa inicial enriba, retiráronse. Pero volveron. Volveron con reforzos, metralladoras e artillería e aquilo acabou como xa sabemos”, afirma Bergaretxe nun artigo ao que tivo acceso Sermos Galiza. Hoxe, un busto de Markievicz honra a súa memoria en Saint Stephen’s Green.

Xurdimento das ideas nacionalistas

Após o seu nacemento, Markievicz foi trasladada a Irlanda cos seus pais, terratenentes. Estudou Belas Artes en London e en París, onde coñeceu o que sería o seu home, Dunin Markievicz, conde polaco, co que casou en 1900 e do que posteriormente se separaría.

A súa adhesión ao nacionalismo xurdiu, segundo historiadores, após o verán de 1907, cando nunha casa de campo alugada nas proximidades de Dublín, atopou unhas vellas gacetas que exaltaban a identidade nacional de Irlanda. “Souben entón que Irlanda tiña lingua de seu, enriquecida cos tesouros do seu pasado (...) Espertei á idea de que Irlanda non se rendera e de que existían homes e mulleres que non aceptaran a conquista”, escribiu.

A raíz da descuberta, Markievicz ingresou na organización Inghinidhe na hEireann –Fillas de Irlanda-, coas que escribiu na publicación Mulleres de Irlanda, o primeiro xornal feminista irlandés, e no Sinn Féin. A continuación, participa de iniciativas sociais e coñece o sindicalista e líder dos laboristas irlandeses Jim Larkin, co que en 1914 reconstituíu o Exército Cidadán Irlandés.

A súa participación no Alzamento de Pascua levou a condesa a ser internada na cadea dublinesa de Kilmainham

A súa participación no Alzamento de Pascua levou a condesa a ser internada na cadea dublinesa de Kilmainham, onde foi testemuña da execución de James Connolly e doutros quince líderes da revolta. Ela mesma foi condenada a morte, mais a súa condena foi conmutada pola cadea perpetua, mais saíu do cárcere un ano após, en 1917.

Até o ano da súa morte, seguiu loitando por unha Irlanda liberada. Así, nas eleccións de 1918 o Sinn Féin obtivo unha vitoria fundamental en territorio irlandés e Markievicz convertíase entón na primeira muller elixida para o Parlamento nunhas eleccións do Reino Unido. Porén, como o resto dos membros do partido, negouse a ocupar o cargo.

En 1919 foi designada ministra de Traballo no Goberno de Éamon de Valera e nas eleccións de 1923 foi reelixida parlamentar pero negouse a ocupar o escano pola negativa a recoñecer o Estado Libre Irlandés. En 1927 foi eleita deputada polo Fianna Fáil –escisión do Sinn Féin- mais non puido tomar posesión do cargo ao caer enferma e falecer.

Comentarios