Os condenados por ocupar a Casa Cornide ven un "escándalo democrático" a sentenza

Anuncian que presentarán un recurso. Piden á Xunta que acelere a declaración BIC e ao Concello da Coruña que presente a querela para lograr a devolución
Algúns dos activistas da Casa Cornide absoltos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera (Foto: BNG A Coruña)

Os condenados por subir ao balcón da Casa Cornide, en 2017 na Coruña, nun acto simbólico para esixir a devolución ao patrimonio público desta propiedade en mans dos Franco, anunciaron que recorrerán unha sentenza que ven "un escándalo democrático".

Coincidindo coa comparecencia ante os medios dunha parte dos oito condenados, reclamaron, por outra banda, á Xunta que "acelere" a declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC) e ao Concello da Coruña que presente "de inmediato" a querela para reclamar a súa devolución após o acordo plenario a este respecto.

Fixérono ante o exterior do inmóbel e despois de que o Xulgado de Instrución número 4 da Coruña condenounos a pagar unha multa de 180 euros a cada un deles por aquela acción reivindicativa de 2017. O xuíz, que os considerou autores dun delito leve de coaccións, absolveu un noveno acusado ao considerar que non se acreditou que accedese á vivenda.

"Estamos moi orgullosos do que fixemos, foi útil para provocar un impacto social e para que o espolio perpetrado polo ditador, e que agora os seus descendentes aspiran a perpetuar, sexa coñecido polo maior número de persoas posíbeis"

Após facerse público o fallo, os activistas, militantes do BNG, confirmaron que presentarán recurso contra unha sentenza que un dos condenados, Bieito Lobeira, cualificou de "escándalo" e de "despropósito democrático".

"É unha interpretación torticera do delito de coaccións", expuxo. Ao fío diso, rexeitou que houbese "un uso da violencia ou a intimidación", en alusión ao contido do fallo no que se afirma que actuaron "en detrimento dos dereitos doutros" e "deveu innecesario o acto de violentar, se queira en parte, o uso pacífico da casa e a integridade dos seus titulares".

Causa dos '19 de Meirás'

Da sentenza, cuestionaron tamén o uso de termos "propios da Fundación Franco". Así, Lobeira aludiu á utilización de "duquesa de Franco". "Iso só o fai a Fundación", recalcou, ademais de cuestionar que "se deturpe o topónimo oficial da Coruña nun texto oficial xudicial", engadiu pola referencia á cidade como 'La Coruña'.

Así mesmo, insistiu en que se trata dunha resolución que "dá a razón ao Franco", mentres apuntou "o problema penal" para tres deles ,do colectivo '19 de Meirás' -entre os que se atopa el-, procesados pola ocupación simbólica do pazo en agosto de 2017. "Agrava a situación penal nese proceso no Supremo", expuxo.

Pola súa banda, outra das condenadas, Carolina Fernández, asegurou que entenden que "hai base xurídica máis que suficiente para tombar" este fallo xudicial. "Estamos moi orgullosos do que fixemos, foi útil para provocar un impacto social e para que o espolio perpetrado polo ditador, e que agora os seus descendentes aspiran a perpetuar, sexa coñecido polo maior número de persoas posíbeis".

Comentarios