TSXG condena á CRTVG por vulneración do dereito á igualdade das mulleres

O sindicato CUT afirma que o Tribunal considera que a empresa utilizou un informe médico da Mutua “a conveniencia para xustificar a denegación do exercicio do dereito á conciliación da traballadora”, e condena a compañía a pagar 2.000 euros por danos morais.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condena a Compañía Radiotelevisión de Galiza por vulnerar o dereito á igualdade das mulleres. O Tribunal revogou a sentenza do Xulgado do Social que lle denegaba a unha traballadora da CRTVG unha mudanza de quenda para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Esta traballadora ten unha menor e unha maior dependente ao cargo. Tentou organizar a súa xornada laboral para poder compatibilizala con esa realidade. Desde o sindicato CUT denuncian que “a CRTVG opúxose ao primeiro sen motivación clara, e despois cun informe médico fabricado para o acto do Xuízo que desconsellaba a quenda que ela solicitaba, único elemento no que a xulgadora de instancia baseou a súa denegación”.

Porén, o TSXG vén de acoller as demandas formuladas pola CUT  ao partillar o criterio de que o Convenio Colectivo do ente non pode ser utilizado para constrinxir o dereito á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Tamén ao ter en conta as demandas deste sindicato de que se deixen de utilizar os informes médicos da Mutua Mugatra para limitar dereitos ao considerar o Tribunal que “hai datos fácticos que permiten considerar que as conclusións emanadas do recoñecemento [médico] utilizáronse a conveniencia para xustificar a denegación do exercicio do dereito”.

O poñente Fernando Lousada Arochena argumenta na redacción que impedir en base a recomendacións médicas o exercicio deste dereito “supón unha inapropiada actitude paternalista descoñecedora tanto da decisión de autodeterminación da traballadora demandante como do carácter constitucional do dereito de conciliación”, ao tempo que reprocha que “non hai unha referencia específica á igualdade de xénero [...] que se proxecta de maneira específica sobre a saúde laboral, daí que na elaboración e na aplicación dos protocolos médicos se deba considerar, para evitar unha desvantaxa particular das mulleres, que estas habitualmente dedican máis tempo cos homes ás tarefas domésticas [...] padecendo así unha dobre xornada”.

A sentenza acolle tamén unha indemnización de 2.000 euros polo dano moral xerado á traballadora, ao considerar transgredidos  o dereito á igualdade e á non discriminación por sexos do artigo 14 da CE, así como as obrigas e dereitos referidos ao coidados dos menores contidos no artigo 39 do mesmo texto.

Comentarios