Transición Enerxética

Conde adía as medidas para favorecer a transición enerxética até 2030

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, critica a inacción do Goberno español na procura de solucións para Alcoa ao tempo que pide manter operativa a central das Pontes dez anos máis.

Conselleiro AEGE
photo_camera O conselleiro Francisco Conde na xuntanza coas representantes das industrias electrointensivas. [Imaxe: Xunta]

“A Comisión Europea propón unha transición enerxética no horizonte 2030-2045 e é nese horizonte onde hai que tomar medidas”. Con esta afirmación, Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria, deixaba claro a postura da Xunta a respecto ao cambio de modelo enerxético na Galiza.

Segundo explicou en declaración aos medios na Coruña, a planta das Pontes, a de maiores emisións contaminantes do país, debería seguir operando “en igualdade de condicións a respecto do resto de plantas europeas que están a funcionar”.

Tamén aproveitou para criticar que a ministra de Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribera, alimente “polémicas ficticias” sobre a situación económica da central galega e as xestións de Endesa na xustificación do seu feche.

Solución para Alcoa

O conselleiro tamén cargou no Goberno español, ao que acusa de "inacción" a necesidade de artellar unha solución para Alcoa. “O Goberno ten a decisión de non facer nada e non poñer en igualdade de condicións o prezo eléctrico para Alcoa”, dixo Conde, quen esixiu ao Executivo en funcións a adopción de medidas para que tanto a factoría galega da multinacional norteamericana como a planta de Aluiberia na Coruña conten cun prezo eléctrico competitivo especial que garanta a súa viabilidade.

Precisamente, o titular de Economía e Industria mantivo na mañá desta terza feira unha xuntanza coa presidenta da Asociación de empresas con grande consumo de enerxía (AEGE), Teresa Rasaro, e representantes de Alcoa, Megasa, Ferroatlántica, Showa Denko (antiga SGL Carbón) e Celsa Atlantic para analizar as medidas para rebaixar o prezo que pagan estas empresa pola enerxía.

As propostas da Xunta nesta materia pasan pola eliminación do céntimo verde ao carbón, a supresión do imposto á xeración eléctrica o a redución de cargas e peaxes, entre outras.

Comentarios