Imprimir

Concepción Pérez Iglesias, a mestra que fixo historia na política galega

Yuri Carrazoni | 13 de xaneiro de 2021

Retrato de Concepción Pérez Iglesias, alcaldesa do concello de Portas entre 1925 e 1930 (Foto: Nós Diario).
Retrato de Concepción Pérez Iglesias, alcaldesa do concello de Portas entre 1925 e 1930 (Foto: Nós Diario).
'Dona Concha' ostentou o cargo entre 1925 e 1930, e foi unha mestra e alcaldesa moi querida pola veciñanza.

O sufraxio universal feminino non chegou ao Estado español até a aprobación da Constitución da II República, en decembro de 1931. Con todo, na década anterior, un grupo de mulleres fixo historia ao accederen por vez primeira á alcaldía das súas respectivas vilas. Unha destas precursoras foi Concepción Pérez Iglesias, rexedora do concello de Portas entre 1925 e 1930 e primeira muller en ostentar o cargo na Galiza.

No conxunto do Estado só a superou, por apenas dous meses e medio de diferenza, a alacantina Matilde Pérez Mollá (alcaldesa de Quatretondeta desde 1924 até 1930).

Mestra de profesión

Concepción Pérez, 'Dona Concha' para a veciñanza de Portas, naceu en Compostela en 1881 e cursou os seus estudos na Escola Normal Superior de Mestres da Universidade de Santiago de Compostela (a actual Facultade de Ciencias da Educación), e con 26 anos foi destinada a Portas para exercer como mestra na escola feminina do municipio, onde permaneceu até o seu pasamento en 1939.

O 9 de xaneiro de 1925 foi designada concelleira polo Gobernador civil, mais na mesma sesión plenaria o daquela alcalde, Cesáreo Belsol, presentou a súa renuncia. A corporación elixiu entón Concha Pérez como nova rexedora de Portas, con seis votos a favor e un en contra.

Daquela probabelmente non o imaxinaba, xa que a fin de contas era unha mestra de aldea que chegaba á alcaldía dunha pequena vila ("unha ninguén", como diría Neira Vilas), mais aquel día ficaría por sempre nos libros de historia.

Unha alcaldesa querida pola veciñanza

A prensa da época reflicte o entusiasmo da veciñanza polo nomeamento da primeira alcaldesa da Galiza, unha mestra á que toda a vila tiña en alta estima pola súa actividade na ensinanza e como promotora de actividades culturais.

Así recollía a nova La Voz de Galicia, cunhas verbas que hogano denotan un evidente trato machista e paternalista: "Lonxe de nós o sorriso escéptico ante a elevación da muller aos postos públicos. Non sabemos o que noutras rexións ocorrerá, mais da intervención da muller galega na vida das corporacións municipais agardamos, confiadamente, óptimos resultados que a algúns causarán estrañeza mais que a nós non nos han sorprender".

Concepción Pérez impulsou durante o seu mandato a construción de obras públicas

Guadalupe Gómez-Ferrer, catedrática de Historia Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid, recolle o mandato de Concha Pérez no seu artigo de investigación As primeiras alcaldesas de España. O acceso das mulleres aos poderes públicos: "Os principais intereses da alcaldesa centráronse tanto nas Obras Públicas, a fin de mellorar as comunicacións con lugares veciños, como na construción de catro edificios escolares", explica.

A súa lexislatura durou cinco anos, e rematou en xaneiro após a dimisión do ditador Miguel Primo de Rivera e a consecuente renovación dos cargos políticos municipais. Porén, o seu legado perdurou no tempo, e hoxe a veciñanza de Portas ten moi presente a unha muller pioneira que se converteu na primeira alcaldesa da Galiza.

O Estatuto Municipal deu o voto ás mulleres "emancipadas"

O ditador Miguel Primo de Rivera aprobou o 8 de marzo de 1924 o Estatuto Municipal (elaborado polo futuro conspirador contra o Goberno republicano José Calvo Sotelo), a norma reguladora dos concellos do Estado.

No artigo 51 expón: "Serán electores en cada municipio os españois maiores de 23 anos, e elixíbeis os maiores de 25 [...]. Terán o mesmo dereito ao sufraxio as mulleres cabezas de familia, con cuxos nomes se formará un apéndice ao censo electoral de cada municipio. Figurarán nese apéndice as españolas maiores de 23 anos que non estean suxeitas a patria potestade, autoridade marital nin tutela, e sexan veciñas, con casa aberta, nalgún termo municipal".

Isto é, podían votar e ser electas as mulleres "emancipadas" (solteiras ou viúvas) residentes no municipio, mais só como concelleiras, pois a alcaldía non a elixía o pobo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/concepcion-perez-iglesias-mestra-fixo-historia-politica-galega/20210112203706113618.html


© 2021 Nós Diario