Imprimir

Concentracións do profesorado quentan motores para a folga do 12D

Redacción | 22 de novembro de 2019

Decorreron mobilizacións simultáneas nas sete cidades para reivindicar a recuperación do horario lectivo previo aos recortes.

As sete cidades galegas acolleron concentracións convocadas polas organizacións con representación no ensino público para demandar que se recupere o horario lectivo previo aos recortes aplicados desde as administracións coa desculpa da crise.

O horario lectivo foi recortado polos gobernos de Feixoo e Raxoi nos anos 2011 e 2012 respectivamente. “Unha medida que significou a perda dun mínimo de 1200 postos de traballo e un empeoramento tanto das condicións de traballo como da calidade da atención educativa”, como denuncian desde o sindicato maioritario no ensino público galego, a CIG.

O goberno central derrogou o ano pasado o Real Decreto Lei polo que se aumentara o horario lectivo do profesorado a nivel estatal, e desde entón docentes doutros 7 territorios do Estado xa recuperaran este dereito. “Na Galiza, que foi pioneira nestes recortes, semella que esa vontade non existe e mesmo se utiliza o colectivo docente como arma política nas liortas que mantén o goberno da Xunta co de Madrid”. 

Deterioro

O profesorado galego fdemanda a recuperación dos 18 períodos lectivos para o profesorado de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial. Polo demais, no caso das mestras de primaria, infantil e educación especial a redución de 25 a 21 horas foi froito dun acordo asinado pola práctica totalidade das organizacións sindicais coa Xunta en 2007 .

Ademais do recorte de postos de traballo, nomeadamente en secundaria, estas medidas trouxeron consigo, tal e como lembraba o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, na concentración da Coruña, “unha redución dos apoios en infantil e un empeoramento na atención á diversidade, con menos profesorado especialista, así como máis itinerancias, máis afíns, incremento das ratios nas aulas, maior número de alumnado por docente, sobrecarga de traballo burocrático en detrimento do propiamente lectivo… “

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/concentracions-do-profesorado-quentan-motores-folga-do-12d/20191122072134087263.html


© 2020 Nós Diario