Imprimir

Concentración pola República na Coruña

Redacción | 21 de novembro de 2020

Cabeceira da concentración desta tarde, diante do Obelisco, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Cabeceira da concentración desta tarde, diante do Obelisco, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
A plataforma Galiza pola República, que agrupa máis de 25 organizacións e colectivos, levou a cabo hoxe ás 18:30 horas, no Obelisco da Coruña, unha concentración co gallo do 45 aniversario da proclamación de Juan Carlos I como rei español.

No acto, que contou cun decenas de participantes, estiveron acompañando a Plataforma a deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Mercedes Queixas, o portavoz da mesma formación no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, e mais a concelleira nacionalista Avia Veira.

No seu manifesto, Galiza pola República expresa o rexeitamento a unha monarquía "herdeira do franquismo" e reivindican que Galiza "non ten rei" ademais de esixir a devolución do que se lle "roubou" ao patrimonio público.

Sosteñen que a monarquía é "incompatíbel" co sistema democrático. “A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas”, afirman.

"É un réxime vitalicio e hereditario que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado español, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas", remarcan no seu escrito. No que tamén instan a convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía "poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república".

Para Galiza pola República, a abdicación do rei Juan Carlos en 2014 non tivo outro obxectivo que “salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción”.

“Puxeron un novo rei en quince días, como fixeron en agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución”, lembran.

Evocan tamén que ante esta nova imposición, houbo un importante apoio para que o pobo decida e 68 eurodeputadas de diversos grupos do Parlamento Europeo pedían “que se permita a celebración dun referendo arredor do futuro da monarquía, que permita á cidadanía elixir libremente a forma de Estado que prefire, monárquica ou republicana e que se recoñeza o dereito a decidir dos pobos que conforman a súa realidade plurinacional”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/concentracion-pola-republica-coruna/20201121134632109556.html


© 2020 Nós Diario