Os concellos exixen a derrogación da 'Lei Montoro' para dispor dos seus cartos

A derrogación no Congreso do decreto para empregar os remanentes municipais por parte do Estado abre de novo o debate sobre a necesidade de empregar estes cartos en políticas municipais encamiñadas a reactivar o emprego e reforzar as medidas sociais para paliar os efectos da crise derivada da Covid-19.
María Jesús Montero, ministra de Facenda (Foto: Eduardo Parra).
photo_camera María Jesús Montero, ministra de Facenda (Foto: Eduardo Parra).

A pasada quinta feira o Goberno de PSOE e Unidas Podemos levaba o seu primeiro revés no Congreso das Deputadas ao ver como non prosperaba o decreto que habilitaba a cesión dos remanentes dos concellos ao Estado, unha decisión que afecta de cheo a viabilidade de moitos entes municipais.

En declaracións a Nós Diario, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, afirmou que a non aprobación do decreto para a cesión dos remanentes dos concellos ao Estado español "non é unha boa nova".

 Na súa opinión, o debate "centrouse moito nos remanentes", mais o decreto tiña moito máis contido. Neste senso, quixo aclarar que "en ningún caso" o texto legal falaba de "confiscación", xa que a cesión dos mesmos era voluntario.

O problema está en que após esta decisión os concellos galegos tampouco poderán empregar o remanente de 2019 (uns 800 millóns) para investimentos financeiramente sostíbeis, xa que era unha das medidas contempladas no decreto, igual que a prórroga extraordinaria para executar as actuacións financiadas con cargo ao remanente de 2018 máis aló da data límite de 31 de decembro, e que agora non entrarán en vigor.

Isto deixa moitos concellos "con menos fondos dos que tiñan hai dous días", unha situación especialmente grave se se teñen en conta as súas necesidades de liquidez, agravadas pola situación derivada da crise da Covid-19.

Varela aposta en "despolitizar o tema" e buscar unha alternativa, como un fondo extraordinario "ou outra fórmula" que permita cubrir estas carencias de liquidez. Da derrogación da 'Lei Montoro' dixo que é unha medida xa reclamada pola Fegamp pero que "leva os seus tempos". Tampouco ten claro, á vista dos feitos, as posturas que defenderían os distintos partidos.

Final agardado

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, apuntaba a este medio que o fracaso da proposta "era agardado pola falta de maioría parlamentaria". O rexedor pontevedrés afeou ao Goberno español a súa "falla de vontade" para negociar unha actuación que, ao seu xuízo e ao de máis dunha trintena de municipios de todo o Estado que asinaron unha declaración conxunta, "quitábanos os cartos para investimentos para despois repartilos en función da poboación", unha medida que prexudicaría concellos como o de Pontevedra.

"É unha incautación en toda regra, porque ninguén garante que eses cartos, que virían a través dunha previsión orzamentaria, vaian dar liquidez", engadiu.

O alcalde nacionalista considera "un cachondeo" a proposta, e máis cando a administración galega e o Estado seguen a aumentar ano tras ano a súa débeda.

Segundo Lores, a saída máis rápida sería a derrogación da coñecida como 'Lei Montoro', se non definitiva, cando menos con carácter temporal durante a pandemia.

Montoro e a derrogación

O propio ex ministro Cristóbal Montoro, impulsor da Lei de Estabilidade Orzamentaria de 2012, que contempla unha regra de gasto que impide aos concellos incrementar o investimento a pesar de que fechen as súas contas con superávit, recoñecía hai uns días nunha entrevista televisiva que "a regra de gasto e a limitación do déficit deberían estar suspendidas".

Segundo explicou o ex ministro, chegaría cunha votación no Congreso das Deputadas para suspender a lei durante o tempo excepcional da pandemia, que é unha saída que o propio texto legal contempla. "Eu son un crente da estabilidade económica e orzamentaria, pero isto é unha crise de saúde pública de dimensión social terríbel que produce unha crise económica. Iso as nosas leis preveno, e non entendo por que non se están aplicando", indicaba Montoro.

Para Fernández Lores, esta suspensión temporal, sería a solución para que os concellos poidan dispor dos cartos dos seus remanentes para investimentos encamiñados a mellorar a vida dos seus habitantes. O que ten claro é que non vai permitir "que lle toquen o peto ás pontevedresas e pontevedreses".

Comentarios