Oito concellos celebran o festival das artes en igualdade

Elas Son Artistas, en abril na bisbarra da Coruña
elas son artistas presentación 2
photo_camera Representantes dos concellos e participantes na terceira edición do festival Elas son artistas. Imaxe: cedida.

A terceira edición Festival Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade Elas Son Artistas decorrerá na bisbarra da Coruña entre o 17 e o 26 de abril. "Metropolitano" significa que na súa organización e promoción participan oito concellos da zona, os de Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Sada e o da Coruña. E "Música e Artes pola Igualdade", que o seu propósito consiste en colocar "a creatividade da muller como protagonista" e "visibilizar a igualdade [de xénero] en todas as artes".

O programa deste ano presentouse onte no Teatro Colón da Coruña e do acto fixeron parte representantes dos oito consistorios e máis dalgunhas das propostas do cartel. Entre elas atópanse Agoraphobia, a banda compostelá de rock alternativo, ou a cantatora madrileña Ainoa Buitrago. Como aperitivo previo e presentación do festival, esta noite na Sala Mardi Grass da Coruña actúa o grupo canadiano de soul rock Bywater Call.

Cinema

As coruñesas Las Antonias ou a cantautora Silvia Penide, a venezolana afincada no Estado español Georgina, tamén cantautora, son outras das artistas do encontro. Aínda que a música ao vivo conforma o núcleo da programación, Elas Son Artistas abrangue outras modalidades artísticas.
Así, haberá proxeccións e artes plásticas. É o caso do "programa sobre arte urbana cunha perspectiva de xénero" Elas tamén pintan, organizado por 7H Cooperativa. Ou do filme Amazing Grace, dirixido por Sidney Pollack e extraviado sen montar durante máis de catro décadas. Recolle unha actuación histórica de Aretha Franklin en 1971, cando a mítica cantante soul decidiu regresar ás súas raíces góspel, até agora só coñecida grazas a un dobre elepé éxito de vendas. Eme DJ completará a homenaxe a Franklin cunha sesión de picadiscos centrada no mellor da obra da afroamericana.

Comentarios