Os concellos arriman o ombreiro para salvar Siemens-Gamesa

Alcaldes e sindicatos crean unha comisión de traballo.
Planta de Siemens Gamesa nas Somozas
photo_camera Planta de Siemens Gamesa nas Somozas. (Foto: Nós Diario)

Nos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal non queren dar a fábrica de Siemens-Gamesa por perdida. Boa parte dos seus rexedores decidiron esta semana crear unha comisión de traballo cos sindicatos para impedir que a multinacional consume os seus plans de deslocalización.

Carlos González, un dos integrantes do comité de empresa, explica que "na devandita comisión habería un representante de cada partido, PSOE, BNG, PP e TeGa, e tamén da parte social".

Segundo informaron, o primeiro paso desta comisión de traballo será a emisión dun comunicado conxunto de todos os alcaldes e alcaldesas da comarca, apostando en buscar unha solución para a continuidade da factoría", logo de que o comité de empresa trasladase a falta de carga de traballo pola ausencia de novos pedidos e a negativa da compañía a realizar investimentos para poder producir novos modelos de pas de maior tamaño, que son os que actualmente están a ter máis demanda.

No encontro, decorrido na noite desta quinta feira, tamén acordaron solicitar unha entrevista co vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía e Indutria, Francisco Conde, á que "acudirían os integrantes da comisión de traballo, ao estimar que é a Xunta a que ten as competencias no ámbito industrial na Galiza". 

Ademais, algúns dos rexedores tamén apostaron en trasladar ás Administracións a necesidade de vincular as concesións de novos parques eólicos ao mantemento do emprego nestes territorios, ao considerar que desta maneira poderíase salvar a planta situada no concello das Somozas, que actualmente emprega menos de 300 persoas, pero da que dependen uns 500 postos de traballo entre directos e indirectos.

Pola súa banda, a representación dos traballadores trasladoulles aos rexedores que entre o persoal "hai preocupación, ante a falta de carga de traballo e a inexistencia de futuros investimentos na fábrica", e porque perciben "unha mala perspectiva de activación de pedidos e a incerteza dunha deslocalización da factoría a curto prazo".

A respecto da reunión que Conde se comprometera a solicitar coas persoas responsábeis dos Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica "de momento non sabemos nada da", apuntou Carlos González.

Comentarios