O Concello de Santiago recupera o Premio Xohana Torres

O Concello de Santiago vén de recuperar, a proposta do BNG, o Premio Xohana Torres de ensaio que eliminara a corporación municipal do PP, liderada daquela por Conde Rosa. Hoxe, 8 de marzo, abre o prazo de presentación.  

concello-xohana
photo_camera Sinatura de convenio entre Concello e USC

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o reitor da USC, Juan Viaño, asinaron a sexta feira pasada un convenio que garante a posta en marcha do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual sobre a memoria histórica das mulleres de Compostela. Recupérase así un certame, interrompido en 2012, cuxos case 20 anos de vixencia o converteran nun símbolo da cidade. O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, abrirase o prazo para participar nesta convocatoria, dotada con dous premios de 2.500 euros.
Tal como se indica no propio convenio e nas bases do certame, o Concello e a USC recuperan neste 2016 o Premio Xohana Torres. Mantendo a esencia pola que se creou, oriéntase agora á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela. Ademais de estar dirixido a ensaios literarios ou científicos, o Premio ábrese tamén a traballos audiovisuais que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás, facer visible as súas experiencias e os diversos roles sociais que estas teñen desempeñado.

Segundo o convenio asinado esta mañá, o Concello de Santiago será o encargado da organización e promoción do Premio, así como dos gastos que este xere, premios incluídos. Entre outras obrigas, a USC comprométese a editar un mínimo de 300 exemplares do traballo de ensaio gañador e de 300 CDs do traballo audiovisual. Destes, 100 exemplares distribuiraos o Concello entre a cidadanía.

Bases 

Os traballos que se presenten ao premio tratarán da participación social e política das mulleres e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica, tal e como se di nas bases. Poderán ser ensaios literarios ou científicos ou pezas audiovisuais e sempre se referirán a mulleres compostelás. Os ensaios presentaranse en formato papel, mentres que os traballos audiovisuais deberán ter unha duración mínima de 15 minutos, aceptándose calquera tipo de expresión artística: flashmob, textos biográficos lidos ante a cámara, videoclips, fotografías, fotomontaxes, curtametraxes, etc.

O prazo de presentación dos traballos comeza o día 8 de marzo e remata o 31 de decembro de 2016. Será tamén o 8 de marzo, pero do ano seguinte, 2017, cando se dea a coñecer a decisión do xurado, nun acto público celebrado no Concello de Santiago. Premiaranse dous traballos, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual. Cada un dos premios estará dotado con 2.500 euros, a conta dos dereitos de edición das obras pola USC.

Historia 

O Premio Xohana Torres foi instituído pola Concellaría da Muller do Concello de Santiago de Compostela no ano 1993, co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido, tanto na actualidade como no pasado, na vida da nosa comunidade. Nas primeiras 17 edicións premiáronse os traballos inéditos de investigación referidos a calquera aspecto social, histórico ou humano das mulleres dentro da comunidade galega. Nas edicións correspondentes aos anos 2009 e o 2010, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico, para abranguer diversas disciplinas como a ciencia, a filosofía, a historia, a antropoloxía ou a literatura, tendo como obxectivos e protagonistas as mulleres galegas. Entre o 2011 e o 2015 este premio no foi convocado.
 

Comentarios