O obxectivo do proxecto é, segundo din, “encher de contido o baleiro que as mulleres ocupaban no relato oficial, contar como de imprescindíbel foi o seu pulo para construír a Pontevedra que agora coñecemos”.
Para iso foron recompilados nomes, biografías e rostros de mulleres de tres ámbitos: pioneiras, traballadoras e represaliadas e resistentes. O traballo consistiu nunha fonda investigación sobre documentación, bibliografía, hemeroteca, imaxes e arquivos de son e vídeo que puidesen existir sobre elas, ben como a realización de ducias de entrevistas que puidesen achegar novas informacións.
No entanto, o labor non quedou aí. Completouse con tarefas de divulgación e homenaxe, en colaboración coas asociacións culturais e veciñais, e mesmo as familias. A intención é “dalas a coñecer á cidadanía, e en especial á comunidade educativa”.
Agora, estes cinco anos de traballo iranse amosando na web, onde é accesíbel para toda a poboación, de xeito que o proxecto non fique no esquecemento.