O Concello da Coruña inicia accións legais para recuperar a Casa Cornide

Este inmoble destacado da Cidade Vella coruñesa está en mans da familia Franco. Din as e os expertos que o seu cambio de mans foi tamén unha estratexia para enriquecer ao ditador Francisco Franco. Un numeroso grupo de activistas leva anos pedindo a devolución mentres que os achegados do caudillo intentaron vender a propiedade.
Imaxe dunha das estancias da Casa Cornide. (Foto: Philippot&Lloyd Real Estate)
photo_camera Imaxe dunha das estancias da Casa Cornide. (Foto: Philippot&Lloyd Real Estate)

O Concello da Coruña vén de anunciar que vai iniciar as accións legais pertinentes para recuperar para o patrimonio público a Casa Cornide, outro edificio histórico do barrio da Cidade Vella, que está en mans da familia do ditador Francisco Franco.

As expertas e expertos xa falaban dunha ficción para enganar sobre a suposta compra da propiedade por parte do caudillo, máis novos informes da Universidade da Coruña (UDC) indican que “houbo unha compravenda simulada” e que o espectacular inmoble ten unha “natureza pública”.

Características

O interior dese edificio foi publicado hai relativamente pouco tempo polas achegadas do ditador, que o puxeron á venda a través da inmobiliaria Philippot&Lloyd Real Estate, onde pedían 3,5 millóns de euros sen aclarar se os históricos mobles ían integrados nese prezo. Curiosamente no momento de escribir este artigo, o inmoble segue á venda a pesar de que hai interese público por reclamalo.

A empresa, que agora ten retirado o valor do ben, destaca a “exclusividade” deste edificio do ano 1.900, que os Franco reformaron en 1.964 e, novamente, en 2.018. Neste caso o que se mudou foron cuestións como o tellado.

O inmoble que agora reclamará o Goberno municipal dispón de fachada a tres rúas céntricas do casco histórico, ten 11 habitacións e 13 aseos.

"Compromiso coa memoria"

O Concello dá o paso agora, após a devolución (de momento temporal) do pazo de Meirás, porque xa ten os informes que “avalan as accións para a recuperación do inmoble”. A alcaldesa, Inés Rey, incidiu en que con esta axuda o seu equipo “non eludirá o seu firme compromiso coa memoria democrática”.

“Utilizaremos todas as accións ao noso alcance para restituír a Casa Cornide á súa lexítima titular: a cidadanía da Coruña”, defendeu hoxe, afirmando que o proceso xudicial se iniciará o antes posíbel. No entanto, tamén se podería acelerar a tramitación coa declaración do edificio como Ben de Interese Cultural (BIC) para que non se poida facer unha venda.

Respecto do contido do estudo da UDC, a rexedora explicou que remarcan a “natureza xurídico-patrimonial da Casa Cornide é pública e contrastan a ilegalidade dos sucesivos procedementos de permuta, poxa e venda da casa”.

Segundo a investigación, a casa pasou a ser propiedade do Estado en 1949 e en xuño de 1962 transmitiuse ese ben en permuta ao Concello. “Poucos días despois, o pleno do concello en sesión extraordinaria aprobou a poxa pública para a venda da Casa Cornide ao mellor ofertante”, di. Supostamente foi aí cando se realizou unha especie de traspaso a Carmen Polo por 25.000 pesetas cando o prezo na poxa foi de 305.000 pesetas.

Vella demanda cidadá

“Non existiu autorización do Ministerio de Educación Nacional, a través da Dirección Xeral de Belas Artes, nas sucesivas transmisións”, engaden desde a universidade coruñesa. Igualmente, o que permite acudir á Xustiza é que os estudos recollan “que existen elementos obxectivos, nas compravendas realizadas os días 3 e 6 de agosto de 1962 e nas propias manifestacións que constan nas actas das sesións da Corporación da Coruña, que permiten solicitar a nulidade da compravenda por simulación absoluta”.

Malia que agora se tome unha decisión en firme desde o ámbito político e oficial, son moitas persoas as que levan clamando pola devolución desde hai anos. Por exemplo, houbo un “asalto” reivindicativo ao estilo do dos 19 de Meirás e as persoas que están con xuízos, e mesmo marchas cívicas e teatralizadas organizadas pola Comisión Aberta en Defensa do Común.

Comentarios