O Concello de Compostela dá 15 días á familia Franco para devolver as estatuas do Mestre Mateo antes de ir ao xulgado

mestre mateo

O Concello de Santiago enviou esta quinta feria un requirimento á familia Franco no que lles dá un prazo de 15 días para devolver ao patrimonio municipal as figuras de Isaac e Abraham, do Mestre Mateo, que facían parte da fachada que cubría o Pórtico da Gloria da Catedral compostelá e que están en mans da familia do ditador.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes municipais, no requirimento especifícase que, en caso de non obter resposta nese prazo de 15 días, a corporación "exercerá as accións legais procedentes" para recuperar as figuras.

Son dúas pezas feitas no séculos XII e XIII polo Mestre Mateo. Dúas pezas talladas entre 1188 e 1211 por Mateo para que figurasen no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel. Como chegaron estas obras de arte a poder dos Franco? Descoñécese con exactitude. Sábese que en 1947 o Concello de Santiago merca as dúas pezas ao Conde de Ximonde, Santiago de Puga y Sarmiento, que as tiña no seu pazo da Ulla. 60.000 pesetas foi a cantidade que pagou o goberno compostelán polas dúas tallas, tal e como figura no documento de compra. Documento no que tamén se estipulaba que se esas pezas abandonaban a capital de Galiza terían que pagarlle ao vendedor 400.000 pesetas.

O Concello de Santiago recuperou do arquivo da Universidade de Santiago o expediente de adquisición que demostra a súa titularidade sobre as dúas esculturas románicas. Na propia escritura notarial especifícase a necesidade de "evitar que desaparezan do concello" e se preserve a súa propiedade "pública, dos veciños de Santiago".

Comentarios