Concelleiras dos gobernos do PP reparten máscaras casa por casa en Touro e O Pino

Denúnciano o BNG de ambos os dous concellos da comarca de Arzúa.
Máscaras cirúrxicas (Foto: Europa Press).
photo_camera Máscaras (Europa Press)

O BNG do Touro e O Pino denuncia que nestes dous concellos con edis dos gobernos locais do PP quen están a facer reparto das máscaras polos fogares, no que as nacionalistas consideran que é utilizar a pandemia para facer campaña electoral

“Só así se entende que se faga este reparto de máscaras polos concelleiros e concelleiras dos gobernos municipais tanto en Touro coma no Pino sen que haxa ningunha garantía de que se cumpren as medidas de seguridade esixidas, podendo constituír este reparto un vector de contaxio do virus por todo o territorio municipal en dous concellos que contan cun índice de avellentamento da poboación moi elevado”, indican desde o BNG.

Proposta

As nacionalistas de Touro lembran que esta mesna semana propuxeron aos gobernos locais “establecer un sistema de acceso aos sistemas de protección para a poboación de forma obxectiva, segura e controlada”.Como alternativas: a través do sistema de saúde, de Correos ou de traballadores e traballadoras municipais.

Pola súa banda, o BNG do Pino lembra que o pasado 13 de abril, “ante a falta de información e interese polas súas achegas para colaborar co goberno municipal”, tamén se dirixiu por vía electrónica ao alcalde para propor unha xuntanza telemática, “tamén sen resposta”.

Ao día seguinte, o 14 de abril, afirman, “comezou o reparto de máscaras, que ao igual que en Touro, levaron a cabo as concelleiras e concelleiros do goberno acompañados, segundo o propio Goberno municipal se encargou de difundir na súa web e redes sociais, por persoal laboral do concello e persoas do tecido asociativo do Pino”.


 

Comentarios