Imprimir

Concédense en liña os Premios da Crítica da Galiza

Redacción | 21 de novembro de 2020

Monicreques de Kukas, Premio da Crítica. (Foto: Nós Diario)
Monicreques de Kukas, Premio da Crítica. (Foto: Nós Diario)
Dáse a coñecer o ditame da XLIII edición dos Premios da Crítica da Galiza, cos ques e galardoan os traballos de Olga Novo, Kukas, Oliver Laxe ou GCiencia, entre outros.

Baixo o lema “ A nosa fala. Na súa acea a amoerse até o pan do porvir” de Ricardo Carvalho Calero, a pesar da imposibilidade de celebrar o acto coas súas características habituais, a asociación Premios da Crítica da anunciou os gañadores e gañadoras dos galardóns que outorga, coa intención de “recoñecer a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos de 2019”.

As oito categorías galardoadas abranguen, a Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. O xurado estivo composto por oito grupos, para cadansúa categoría premiada, e ditaminou de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Na categoría de Creación Literaria, a obra premiada foi Feliz Idade, da poeta Olga Novo, un poemario do que o xurado destacou que “a forza lírica converte as vivencias persoais nun feito poético universal”.

No terreo das Artes Plásticas o galardón foi para os Monicreques de Kukas, “unha compañía pioneira na Galiza”. Co premio, o xurado tamén quixo recoñecer a todo un xénero teatral.

O portal GCiencia, recibiu o galardón Iniciativas Culturais e Científicas, “polo fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en galego e para un publico xeralista”.

O que arde, de Oliver Laxe, recibiu o Premio da Crítica na categoría de Cine e Artes Audiovisuais, “por supór un fito para o noso cinema e por tratarse dun cineasta singular”.

Na modalidade de Investigación, o premio recaeu en Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso, segundo o xurado, “unha obra de investigación rigorosa, propia e sintética coa que se afonda e anova”.

Margarita Viso recibiu o premio da Música e Alfonso Costa o das Artes Plásticas. A Festa do Marisco do Grove foi merecedora do galardón de Cultura Gastronómica.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/concedense-lina-premios-da-critica-da-galiza/20201121175504109562.html


© 2020 Nós Diario