Opinión

Comuñón malograda

O cura do meu barrio era xordo, vello e italiano. Así que a visita ao confesionario era un coro desmedido que gritaba aos catro ventos horrendos pecados infantís.

Achegábase o arelado día da comuñón e a catequista e o cura esmerábanse no lustre das nosas almas.

Sentíame emocionada desde a explicación do párroco de que no momento da comuñón o Espírito Santo se ía apoderar de min. No meu desbordante maxín a escena da nena do Exorcista trousando en verde quedaba á altura do betume coa miña inminente posesión.

Estaba tan nerviosa que aturei que miña nai me probase unha vez máis aquela alcachofa de raso que era o meu vestido.

Non cabía en min, fuxefuxe como era, desde o día antes do acontecemento soportei, ata as ganas de ir ao baño, non fose ser que se me escapase o espírito santo.

Pola mañá enfundáronme no vestido e uninme á rea de nenos que entraba cantando o "Señor, me has mirado a los ojos…".

Contra o fondo o padre Merlin cos brazos en alto parecía Batman en Gotham City!

Ao recibir a hostia consagrada sentín esa substancia branca e pegañenta que baixaba lenta pola gorxa e transformaba o meu sangue vermello en azul.

Posesa, liberei todo canto viña gardando na miña vexiga desde o día antes. Que equinoccio! Un río de mexo... bendito inundou o corredor. Risas, berros, prantos… e a man de miña nai chimpándome fóra agarrada polos pelos.

A estampiña da primeira comuñón téñoa. Iso si, non a certifica nin Deus, porque desde aquel preciso momento, a dicir do cura, boteime a perder. Tanto que anos máis tarde argalláronme unha protesta na porta do teatro por este conto. Pero esa historia vai ter que ir outro día.

Comentarios