En Común pide un plan contra o despoboamento

Galicia en Común rexistra na Mesa do Congreso unha proposición non de lei para que o Goberno do Estado impulse un plan de acción polo reto demográfico na Galiza que remate co desmantelamento e despoboamento do rural.
O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino
photo_camera O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino

Galicia en Común rexistrou na Mesa do Congreso unha proposición non de lei para que o Goberno do Estado impulse un plan de acción polo reto demográfico na Galiza que remate co desmantelamento e despoboamento do rural.

“Trátase dunha iniciativa”, explicou o deputado na Cámara Baixa e líder de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, “que aposte por mellorar infraestruturas, equipamentos, servizos e prestacións públicas que fagan atractivo o noso rural; baixo criterios de eficiencia e cohesión territorial e que conte coas dotacións económicas adecuadas”. 

"Non pode ser", dixo o voceiro, "que o rural transfira riqueza a zonas urbanas sen ser compensado de maneira suficiente nin adecuada, incidindo máis no desequilibrio territorial”.

Na proposición non de lei presentada, Galicia en Común pon sobre a mesa algúns datos demográficos en relación ás zonas rurais do país: 36% da poboación galega vive nas sete grandes cidades, unha cifra que aumenta até 56% ao falar de comarcas que rodean esas localidades.

O envellecemento poboacional é aínda máis evidente nos municipios de entre 500 e 1.000 habitantes, que aumenta até os 58 anos polos 49 do resto do Estado. "As perspectivas de futuro semellan afondar nesta crise, xa que as proxeccións de poboación  entre 2018 e 2033 indican que a Galiza perderá arredor de 5 puntos de poboación, ao contrario do que acontecerá no resto do Estado", sinala En Común. Unha cifra que case se duplica en Ourense e Lugo. 

 A coalición entende que “o rural ofrece grandes posibilidades no marco dunha aposta por unha economía máis sustentábel. As potencialidades que existen están ligadas ao recoñecemento dos valores ambientais, sociais e culturais dunha actividade agraria e forestal máis vencellada ao territorio e aos seus recursos naturais”, indican.

Comentarios