Compromiso considera “positiva” a entrada de Pemex en Barreras

A formación galeguista entende que, “sen ser a mellor solución posíbel”, é un paso adiante pois garante “carga de traballo e viabilidade desta empresa”.

Para Compromiso por Galicia que a para-estatal mexicana Pemex entre como socio maioritario do estaleiro de Barreras é “positivo”en tanto sirva para garantir “carga de traballo e manter emprego”. CxG racha así co discurso do nacionalismo que, por boca de BNG e Anova, amosou o seu desacordo con esta opración.

Compromiso, iso si, entende que a entrada da para-estatal azteca “non é a mellor posíbel”. Mais esta formación sinala que “as políticas equivocadas seguidas polos gobernos conservadores europeos, español e galego, podería levar á desaparición desta industria polo cal calquera solución que garanta manter a capacidade industrial, tecnolóxica e sobre todo os empregos en Galicia debe ser benvida”

.En calquera caso, Compromiso recórdalle á Xunta de Galicia que “é a súa obriga velar polos intereses galegos non só no curto senón tamén no medio e longo prazo. Por esa razón instamos a que dende a administración se vixíe e garanta que esta operación empresarial non vai a significar perda de emprego algunha nin tampouco unha hipoteca para o futuro nin de Barreras nin do sector de construción naval no seu conxunto”.

Comentarios