Imprimir

Comprar falantes

María Caíña Hurtado | Lingüista

María Caíña Hurtado | 30 de xullo de 2020

As linguas, que non se sabe se son bens ou ferramentas (depende un pouco do grao de folclorismo da campaña político-publicitaria que estea en voga), non teñen moito que ver co diñeiro. Ou iso podería parecerlle a quen, inocentemente, entenda que todas as cousas primarias non deben ser obxecto de mercantilismo ningún. Do mesmo xeito que ocorre coa respiración ou coa dixestión, a fala simplemente acontece, sae ela soa (cunha pouca axuda do noso intrínseco carácter social) e non pide permiso. Polo tanto, non habería razón para pensar que ese proceso tan natural e espontáneo poida ter relación con algo tan convencional e arbitrario como son os cartos. Entón, que é o que veño eu facer aquí con este asunto que non ten sentido?

Pois veño falar de que, ao contrario do que podería parecer, hai linguas financiadas. Nada novo. As lectoras deste xornal non son tan inocentes como para pensar que o diñeiro non ten nada que ver en todo o que os seres humanos facemos. Calquera persoa que lese algún libro sobre sociolingüística saberá que iso de que hai linguas mellores (ou mellor faladas) e linguas peores é unha falacia ou, en todo caso, un prexuízo sen base científica. Tamén debería saber que o poder ou status dunha lingua non depende necesariamente do número de falantes (lembrádesvos diso das linguas minoritarias e minorizadas, non si?). O que hai, na miña opinión, son linguas financiadas e linguas non financiadas. Vou explicar a diferenza:

Unha lingua financiada ten a seguridade de que vai ser ensinada nos centros de ensino, públicos ou privados (ou híbridos, concertados ou privados encubertos, como lles queirades chamar). Ten a certeza de que a xente a vai escoitar e ler nos medios de comunicación, que vai ter dispoñíbeis dobraxes e subtítulos nas plataformas dixitais de contidos audiovisuais, que vai ser escrita, impresa e editada na súa forma científica ou literaria, e que vai ser articulada en todos os contextos administrativos sen ningún tipo de reparo e/ou discriminación.

Pola contra, unha lingua non financiada non recibe axudas para salvar todos os obstáculos aos que se poida enfrontar, por exemplo, a causa da competitividade desigual con outra lingua financiada. As linguas non financiadas non teñen o mesmo protagonismo nos medios de comunicación porque sae máis caro incluílas. Estas linguas ensínase daquela maneira, e nas institucións non reciben tanta atención. As linguas non financiadas semella que pagan un imposto de articulación máis alto.

E como se pode solucionar esta situación tan inxusta? Parece evidente: financiando as linguas non financiadas. Para que? Non, non é para comprar falantes. Non é que esas linguas (imaxinemos que unha desas linguas é o galego) precisen billetes para ir subornando xente pola rúa: “mira, e por que non falas galego? Non ves que así a declaración da renda sempre che vai saír a devolver? Non ves que se falas galego vas recibir o ingreso mínimo vital, sen máis condicións?”. Nin tampouco existe un mercado de linguas onde poidamos negociar a que mais nos conveña falar en cada momento: “a como sae o quilo de galego? E para cantas horas de fala me vai dar? Ah, que tendes o gaélico de oferta? E o inglés segue subindo ou que?”.

Semella brincadeira, mais eu penso que esas cousas son as que lle deben pasar pola cabeza a algún presidente autonómico con tendencia a se perpetuar no cargo cando pensa en dar axudas a unha desas linguas non financiadas. Ese presidente pensará: se queren os cartos para andar traficando con falantes non llos penso dar. Non se me ocorre outra razón lóxica para explicar tanta neglixencia. Non vexo outra maneira de entender a ineptitude, a nula consideración pola lingua e o veloz decrecemento das axudas (temos un exemplo recente no caso do ensino do galego). Mais, se houber en Galiza algún presidente preocupado con esta cuestión, eu direille que estea tranquilo, que aquí ninguén vai traficar coa lingua. Se o galego precisa financiamento non é para vendelo no mercado. Se o galego precisa financiamento é pola simple necesidade de non morrer e levar con el para a caixa toda a nosa idiosincrasia, a nosa cosmovisión, a nosa identidade e unha boa parte da nosa dignidade.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/maria-caina-hurtado/comprar-falantes/20200729110612102303.html


© 2020 Nós Diario