Compostela despide o ano con festa en galego

A capital do país reta á meteoroloxía cunha festa de Ano Vello ao ar libre. Unha Verbena Galega con Os d'Abaixo, O Sonoro Maxín e o picadiscos Bigote Mix. 

osdabaixo
photo_camera Os d'Abaixo

A Verbena Galega chega este xoves á Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, para despedir o 2015 con todo o sabor da música galega, e a súa esencia tradicional e contemporánea ao tempo. A festa comezará a partir das 23,15 horas, presentada pola humorista Isabel Risco, e cunha parada con conexión en directo da TVG, para acompañar as baladadas da Berenguela coas uvas. 

Esta Verbena Galega especial de Fin de Ano comezará con sete músicos da comarca, Os d’Abaixo, grupo nacido no 2010 ao xuntárense Xacober Varela, Xabier Agra, Gonzalo “Gom” Goás, Ricardo “Richi” Martín, Xosé Ramón Vázquez, Roberto Rama e Quim Farinha, que reinterpretan música tradicional e teñen tamén composicións propias. Seguirá cos vibrantes ritmos d’O Sonoro Maxín, onde converxen varios talentos con orixe en Lamatumbá e Cinnamon Gum para que a xente non pare de bailar, o único grupo galego que centra o seu repertorio nos ritmos latinos de verbena, empregando nos seus concertos o termo “Galicia Tropical”. Por último, o picadiscos máis festeiro de Compostela, Bigote Mix, pechará a velada coa súa selección.

A Verbena Galega é unha revisión do concepto de verbena, reinventándoo e actualizándoo cunha proposta centrada, por un lado, na música de baile tradicional e, por outro lado, na música de baile máis moderna e mestiza (ritmos latinos, pachanga, cumbia, reggae, bravú...). 
 

Comentarios