Compostela creba tópicos a través da arte

A Casa do Cabido de Santiago acolle a exposición Des_facendo o xénero (a través da arte), unha mostra colectiva e interdisciplinar artellada sobre a "idea das identidades de xénero como construción social" e sobre "os mecanismos que pode aportar a creación artística para romper con elas".
expo_xenero3
photo_camera Na inauguración estiveron, entre outras, a comisaria Begoña Álvarez e o alcalde Sánchez Bugallo. (Foto: Consorcio de Santiago).

Coa idea de "propiciar a reflexión sobre as identidades de xénero como constructo social", Compostela recibe unha mostra denominada Des_facendo o xénero (a través da arte).

A exposición está coordinada por Begoña Álvarez Seijo, membro do grupo de investigación Iacobus da Universidade de Santiago de Compostela; Ana Castro, directora de Galantiqua Arte e Antigüidades; e María Eiras, directora de Mareiras Espacio de Arte; e conta coa colaboración do Consorcio de Santiago.

Durante a xornada de onte foi inaugurada polo alcalde de Compostela e presidente do propio Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, nun acto ao que asistiron, ademais dalgúns dos artistas e das promotoras do proxecto, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o responsábel de Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde. 

Artistas e escritoras "comprometidas"

A través da obra de artistas e escritoras compostelás -ou que desenvolven a súa actividade na cidade de Santiago- preténdese "visibilizar como mediante a produción artística se pode tratar de repensar os construtos de xénero cultural e socialmente impostos".

"Falan de modos de comportamento, roles sociais e actitudes que axudan a asentar unhas determinadas identidades binarias (home/muller, heterosexual/homosexual, normal/diferente…), que -segundo as promotoras desta proposta- non son máis que o resultado dun proceso educativo que conduce a asumir como naturais e inherentes a un mesmo uns patróns estéticos e de comportamento concretos”.

Así, esta mostra emerxe como "un intento particular dun grupo de persoas que queren aportar a súa arte para que esa revolución social poida acontecer e teña a produción artística como ferramenta ao seu servizo". "Unha exposición que, desde o amor ás diferenzas, non deixará indiferente a ninguén", aseguran.

"Des_facendo o xénero (a través da arte) é unha exposición feminista, unha mostra de arte comprometida que, como manifestación cultural, debe transmitir á sociedade a necesidade de divorciarse das desigualdades, na procura dun futuro máis libre e xusto", conclúe a comisaria, Begoña Álvarez.

Comentarios