Compostela acollerá en outubro a maior feira mundial de “world music”

WOMEX, considerada a maior feira mundial de ‘world music’, desenvolverase en Compostela do 22 ao 26 de outubro. Prevese que a feira atraia 2.500 profesinais de todo o mundo, incluíd@s 800 programadores e máis de 300 xornalistas. 

Womex
photo_camera Womex

Para a “world music”  WOMEX é a principal cita, o máis prestixioso escaparate do mundo da música de raíz que terá en Compostela o seu próximo escenario. O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura será o lugar de encontro pola mañá mentres, pola noite, distintos teatros, prazas e auditorios da cidade acollerán máis de 60 concertos durante os cinco días nos que se desenvolverá o encontro. 

2.500 delegad@s, 1.260 empresas do sector da música de máis de 90 países, 800 programadores e programadoras, máis de 500 selos, editores e distribuidores así como máis de 300 xornalistas e 130 emisoras de radio daranse cita en Compostela durante cinco días nos que as músicas do mundo serán as protagonistas dunha programación cultural na que se inclúen conferencias de 80 especialistas de máis de 25 países ou tamén filmes sobre o fenómeno da wordl music.

Será esta a vixésima edición desta feira mundial da música que visitou xa cidades como  Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff. A empresa Nordesía Produccións é a parceira local dunha organización na que partilla con Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. Nordesía está presente en WOMEX desde 1997. 

WOMEX anúnciase tamén como unha oportunidade económica para a cidade e para o sector e,desde a organización, agárdase que o impacto económico no PIB continúe na liña de edicións anteriores nas que rondou os 2,5 millóns de euros mentres o investimento de produción recae, segundo as mesmas fontes, nun 80% en empresas locais. Destacan tamén a o oportunidade que supón para a música galega e para a proxección internacional da nosa cultural e tamén promoción de Compostela no mundo. Na presentación estiveron presentes respresentantes da Xunta como o Conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, o xerente de AGADIC, ou a concelleira de Turismo de Compostela Reyes Leis, ademais de Vitor Belho por Nordesía. 

Tres posibilidades para tocar 

O 18 de abril pechará a convocatoria para que quen queira participar en WOMEX se presente á selección oficial que cada ano realiza un xurado de membros especialistas de todo o mundo -coñecido como 7 Samurais- da que sairán seleccionados que actuarán para unha audiencia de representantes da industria musical galega, entre os que se atopan 800 persoas dedicadas á programación de todo o mundo. Alén desta sección oficial, WOMEX inclúe tamén o Atlantic Connections (escenario local) que estará centrado na música da Península e Latinoamerica, para o que non é preciso ser elixido na primeira selección. 

Aínda queda unha oportunidade máis para tocar na feira quen non entrara en ningunha das dúas propostas previas. Trátase do offWOMEX Showcase e para actuar na súa programación é preciso pagar. 

Comentarios