Compostela Aberta pide explicacións pola recepción prevista á plataforma ultraconservadora 'One of Us'

Esta iniciativa cidadá europea, da que forman parte entidades como Hazte Oir ou Red Madre, celebra unha convención en Santiago os días 18 e 19 de outubro.
Santiago. Pazo de Raxoi
photo_camera Compostela Aberta pregunta pola recepción prevista á plataforma 'One of Us' no Pazo de Raxoi.

Compostela Aberta reclama unha resposta por escrito ao Concello de Santiago para que aclare se o Goberno local vai ofrecer unha recepción oficial aos participantes neste congreso, tal e como figura no programa do encontro, titulado Por unha Europa fiel á dignidade humana.

Segundo recolle a pregunta formulada pola concelleira Marta Lois, a Plataforma Cultural 'One of Us' “conta en España con integrantes como Red Madre, Hazte Oir, a Federación Provida ou CitizenGo”; reivindica aspectos como “a protección da familia baseada no matrimonio de home e muller ou o rexeitamento da ideoloxía de xénero”, e atribúe “a crise actual que vive Europa a cuestións como a aceptación social do aborto ou certas formas de feminismo radical”.

Para Marta Lois “estes postulados son totalmente incompatíbeis cos acordos que se teñen adoptado no Pleno da Corporación, mesmo coa Declaración Institucional contra as violencias machistas aprobada no pleno de setembro na que se incidía en que a causa destas violencias está directamente vinculada coa hexemonía da cultura patriarcal e dos roles de xénero”.

A través desta pregunta, Compostela Aberta pide ao alcalde que aclare se algún membro do Goberno local vai participar na inauguración ou en calquera das actividades previstas na convención de 'One of Us' en Santiago, os días 18 e 19 de outubro. E solicitan, ademais, que expliquen se desde o Concello se mantivo algún contacto previo para promover a celebración deste seminario na capital da Galiza.

Comentarios