Opinión

Como o día e a noite

O partido de Almería é o exemplo do que non ten que facer o Deportivo, o que non ten que repetir. Salvou o partido polos pelos, porque puntuou, pero deixou unha imaxe pobre en cómputo xeral. Un equipo que aspira a ser líder, que quere colocarse en postos de ascenso directo non pode parecer o día nun partido e a noite no seguinte. 

A vantaxe de Segunda é que son moitos os partidos que deixan a porta aberta a un posible empate ou unha remontada. Por iso, a calidade de futbolistas como Fede Cartabia, nas filas do Deportivo, pode levantar algo que parece imposible. Esa é a importancia desta temporada na que ao Dépor se lle ten que pedir máis. Esixir máis. 

Na primera metade o Dépor plantexou un choque discreto. Tivo alguna chegada perigosa. Edu Expósito probou o porteiro almeriense. Pero tamén se notou que a dupla Quique González Christian Santos non é o mesmo que con Carlos Fernández. Faltan moitos minutos de sintonía. A partitura co venezolano non soa ben, por agora. O do Teresa Herrera foi un soño. Onde se xogan as fabas é en partidos como o de Almería, onde o equipo de Natxo botou en falta outras ideas.    

Pero se alguén quedou retratado do mal empate en Almería foi Natxo González. Non lle gustaba o equipo da primeira metade, e sacou do terreo de xogo Edu Expósito e Carles Gil, que xunto con Saúl, eran os futbolistas con máis clarividencia en Almería. A decisión foi fatal. O equipo mudou. Fíxose a noite no día. Agochouse no seu campo, perdeu profundidade, desapareceu a pouca creatividade que tiña en ataque. O Dépor borrouse e creceu o Almería, que fixo un gran segundo tempo. Faltoulle ós locais máis acerto. Didier Moreno e Krohn-Delhi foron unha mala opción. O colombiano no vértice non pega nin con cola. O danés tampouco ten a creatividade nin a frescura doutros tempos. O resultado foi un caos no centro do campo. A defensa non parou de tapar buratos para evitar o afundimento da nave coruñesa. Víronse desbordados, como xa aconteceu nos primeiros partidos disputados polo Dépor fóra da casa con outros equipos que amosaron máis talla da prevista. 

Pero se alguén quedou retratado do mal empate en Almería foi Natxo González

 

Co Dépor vido a menos, a Natxo só lle quedaba unha opción. Sacar Fede Cartabia. Arranxoulle a papeleta nunha gadoupada. Sempre se di que os mellores teñen que xogar. O arxentino, en condicións físicas, quere un papel protagonista. En Almería revelouse como tal cunha brillante execución. O efecto que lle deu o coiro deixou o porteiro a medio camiño de facer unha parada extraordinaria. O coiro regateou as luvas de René.

Ao Dépor vénlle ben o salitre do Atlántico e a calor da súa xente. Cando sae fóra de Riazor sofre. Sofre máis do que se espera deste equipo que ten feituras para máis. O empate salvou os mobles dunha fin de semana da que puido saír vitorioso en postos de ascenso. 

Comentarios