Opinión

Como en Irlanda

Lin hai uns días nestas páxinas un exquisito ensaio sobre as relacións culturais entre Galiza e Irlanda a comezos do século XX. Facíase referencia a Yeats e a Risco e facíase unha moi detallada análise das influencias que no noso autor tivera o renacemento irlandés. Aos galeguistas vellos gustáballes repetir o verso “Levántate e anda como en Irlanda”. Eran tempos nos que os nosos bardos narraban antigas lendas irlandesas, recollendo e adaptando á nosa terra as fazañas heroes como Breogán. Os nosos primeiros historiadores reclamaban a herdanza céltica de Galiza e facíannos emparentar cos nosos parentes situados nas fisterras europeas e moi especialmente cos que habitaban Irlanda. Eran outros tempos. O nacionalismo galego contemporáneo parece ter abandonado os seus referentes tradicionais e xa case nada queda do imaxinario irlandés no seu discurso político. Tampouco doutros países europeos, a diferenza dos primeiros teóricos do galeguismo que sempre estaban a procurar modelos de éxito en países do noso espazo xeográfico.

Pero o caso da preterición do modelo irlandés chama a atención. Irlanda foi a única das sete nacións celtas fillas do pai Breogán que conseguiu a plana autodeterminación. Tras a independencia Irlanda tense consolidado como un referente de éxito para moitos países que pretenden acadar un status semellante. No ámbito económico non cabe dúbida que a independencia lle fixo ben. De ser un país pobre e periférico a respecto dos grandes polos de poder económico pasou a ser unha das economías máis prósperas de Europa. Nos indicadores de calidade de vida figura sempre nos primeiros lugares a nivel mundial chegando a acadar, hai uns poucos anos, a honra de ser o primeiro a nivel mundial. Os seus indicadores de renda son tamén dos máis altos, superiores incluso aos da antiga metrópole, e iso que dicían que ao ser independente non ía ser capaz de ser viábel economicamente. A comparación é ademais moi fácil pois basta con comparar a Irlanda independente coa que permaneceu no Reino Unido. No ámbito político é un país que goza de grande estabilidade política e de liberdades cívicas á par dos países máis avanzados. Gobernada sempre pola alternancia de dous partidos conservadores, Fine Gael e Fianna fail, saídos de escisións do vello e máis virado a esquerda Sinn Feinn (que segue a existir e ultimamente con bos resultados) a antes sempre alborotada Irlanda é un remanso de paz política. No ámbito internacional o Eire é un país pacífico que non partilla aventuras imperiais nin adoita facer seguidismo das grandes potencias.

Nin a NATO pertence a pesar de estar enclavada en pleno Atlántico norte.

Todos estes argumentos deberían servir de exemplo para arguentar primeiro que un país pequeno e dono de seu pode se así o desexa acadar un bo nivel de estabilidade política e segundo para desmentir moitos dos argumentos de que un proceso de independencia ten necesariamente que levar consigo fractura ou malestar social. É un bo exemplo para un debate civilizado sobre o tema e tamén para amosar cal debería ser o camiño a seguir no caso de os galegos ou outros pobos decidisen iniciar un percorrido semellante. En calquera caso, con secesión ou sen ela, é un referente e nunca está de máis telos. Galiza e Irlanda sempre tiveron moitas semellanzas, ben tamaño, ben en economía como en cultura e vencellos históricos. Se eles puideron prosperar nós tamén. Vexamos o que fixeron e unha vez máis levantémonos e andemos como en Irlanda recuperando a vella irmandade.

Comentarios