O comité de Xeal exixe investimentos no mantemento dos fornos

O comité de empresa advirte do mal estado dos fornos 14 e 13 e acusa á empresa de facer "propaganda" coa posta en servizo dunha das unidades.
Vista da factoría de Xeal en Cee. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vista da factoría de Xeal en Cee (Foto: Nós Diario)

A comezos deste mes de novembro, a dirección de Xeal (antiga Ferroatlántica) anunciaba a posta en marcha dun dos fornos e a saída do ERTE de 20 traballadores, un movemento que desde o comité de empresa vén como parte da súa "campaña de propaganda", que, segundo denuncian, non fala dos "serios problemas" e dos "atrasos" que se están a rexistrar para arrancar a produción a causa do estado de abandono no que se atopa o forno 14 e que evidencian a falla de investimentos nas fábricas, "nin tan sequera para garantir o mantemento adecuado dos fornos en previsión da súa posta en marcha", lamentan.

A través dun comunicado, os traballadores de Xeal critican tamén "o lamentábel estado da fachada do forno 13", que por risco de desprendemento constitúe un perigo para o persoal da empresa e incluso para as persoas viandantes.

En calquera caso, o comité aclara que o arranque deste forno non supón máis que unha produción real de 15%, cando o resto do sector está fabricando por enriba de 75%, incluíndo o único cliente de Xeal, FerroGlobe.

Isto demostra a condición de "subcontrata" das plantas de Cee e Dumbría, atadas nas súas capacidades produtivas ao que decida FerroGlobe (o grupo que ostentaba antes a propiedade das mesmas), xa que dependen del tanto para a subministración da materia prima como para saír ao mercado, ao que non pode concorrer libremente para colocar os seus produtos.

Para o comité, a decisión da empresa de reactivar este forno débese á presión dos traballadores e das traballadoras e do conxunto da comarca.

Responde ademais a un intento de influír na resolución xudicial sobre o recurso interposto contra a decisión de Augas da Galiza de impedir a segregación das fábricas e das centrais hidroeléctricas, que estes días se debate no TSXG.

Nesta liña, critica que a empresa siga sen entregar a documentación que o comité lle pediu en numerosas ocasións sobre os contratos e acordos comerciais, o plan de viabilidade (ao que obrigan as cláusulas das concesións) e os resultados dos últimos exercicios económicos, información que a representación legal do persoal ten dereito a coñecer e que, ante a negativa da empresa, vén de reclamar vía Inspección de Traballo.

Comentarios