O comité de Vulcano teme que o porto queira especular cos terreos do estaleiro

As traballadoras e traballadores da factoría naval coñecerán esta semana o futuro dos seus postos de traballo.

Vulcano Europa Press
photo_camera [Imaxe: EP] O comité de empresa de Vulcano esta segunda feira diante dos Xulgados

Esta segunda feira os membros do comité de empresa de Vulcano e os administradores de bancarrota acudiron xunto ao xuíz para explicar os motivos polos que ambas partes non foron capaces de chegar a un acordo. Os primeiros esixían un ERE temporal de 3 meses para despois subrogarse no caso de que entrase un investidor, mentres que a parte contraria aludiu á falta de liquidez.

A finais desta semana coñecerase se o xuíz procede á liquidación e extinción dos 69 postos de traballo de Vulcano, un escenario que as traballadoras e traballadores dan xa por seguro e tras o cal reclamarán as correspondentes indemnizacións.

En declaracións a Sermos Galiza, o presidente do comité, Nicolás Sangabriel (CCOO), afirmou que eles seguirán a traballar no estaleiro e a facer presión para a entrada dun investidor. Se ben son conscientes de que perderán a súa antigüidade, o importante é poder manter a súa actividade.

Máis metros para contedores

A outra alternativa é moi pouco alentadora. Tras a liquidación da empresa e a extinción dos seus contratos, a Autoridade Portuaria de Vigo podería facerse cos terreos que ocupa actualmente a factoría. Son 20.000 metros cadrados de solo público sobre os que o ente que preside Henrique López Veiga pode exercer dereito de tanteo e aos que, segundo apunta Sangabriel, “poderíaselles cambiar o uso con facilidade”.  

De levarse a cabo esta última solución, o porto tería capacidade para ampliar a terminal de contedores, unha actividade que, como lembran desde o comité, “apenas xera emprego, mentres que Vulcano pode chegar a ter a un milleiro de persoas traballando”, de aí que estean “moi pendentes” do que finalmente poida acontecer.

Comentarios