Imprimir

O comité sinala os proxectos de Havila e Armas como garantes da viabilidade de Barreras

Redacción | 25 de novembro de 2019

Reunión do comité Barreras con deputadas do Grupo Común Esquerda. (Paula Justo/Europa Press)
Reunión do comité Barreras con deputadas do Grupo Común Esquerda. (Paula Justo/Europa Press)
Sinala que a solución do estaleiro non pasa por acadar un acordo para construír un único barco durante oito meses.

O preacordo para que o armador Ritz Carlton tome o control do estaleiro vigués Hijos de J.Barreras non acaba de gustar ás traballadoras da compañía. O presidente do comité de empresa, Sergio Gálvez (UXT) sinalou esta segunda feira en rolda de prensa tras unha xuntanza coas deputadas do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao e Paula Quinteiro, que «non é lóxico» que se poña sobre a mesa un acordo para rematar «un único barco».

Neste senso, o representante dos traballadores indicou que a solución «non pasa por construír un barco durante oito meses, que é o tempo que lle falta ao cruceiro de Ritz Carlton, e deixar o resto da carteira (os proxectos de Havila e de Armas), que son os que lle poden dar viabilidade ao estaleiro». 

Gálvez, quen criticou que as traballadoras non teñen información das negociacións que manteñen accionistas, o armador e as administracións, reclamou unha «solución integral» para a compañía, e reiterou, sobre os posíbeis movementos de compravenda de títulos, que «o futuro propietario de Barreras tería que falar de todo o estaleiro, non dun só barco». «Non ten lóxica que teña 75% dos dereitos e só queira falar dunha parte da empresa», engadiu.  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/comite-lembra-proxectos-havila-armas-son-garanten-viabilidade-barreras/20191125151508087358.html


© 2020 Nós Diario