Comité e institucións apuran Alcoa para que achegue posturas para a venda

O domingo 27 de setembro finaliza o prazo que se puxeron ambas as multinacionais para chegar a un acordo de venda. A última reunión de seguemento non certificou ningún avance polo que sindicatos e Administracións insisten en que a multinacional norteamericana achegue posturas con Liberty House. 
Concentración de persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) en Viveiro o pasado 6 de setembro.(Carlos Castro/ Europa Press)
photo_camera Concentración de persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) en Viveiro o pasado 6 de setembro.(Carlos Castro/ Europa Press)

A información sobre as negociacións entre Alcoa e Liberty House para a venda da factoría de San Cibrao (Cervo) non están a deixar boas sensacións na representación sindical do cadro de persoal. O domingo 27 de setembro finaliza o prazo que se puxeron ambas as multinacionais para chegar a un acordo do que depende o futuro de 534 empregos da planta de aluminio máis outros 400 das auxiliares que traballan para ela.

De como están a desenvolverse as conversas nas xuntanzas entre ambas multinacionais sabemos máis por parte de Alcoa, que veu facilitando comunicados semanalmente, que por parte da empresa británica. Esta última rexeitou realizar declaracións aos medios de comunicación cando comezaron as negociacións. Fontes sindicais sinalaron a Nós Diario que esta circunstancia "non beneficia" que se saiba cales son en realidade os atrancos que impiden que o proceso avance. 

O "boicot" de Alcoa á venda da factoría

Desde a CIG aseguran que após realizarse as cinco reunións de seguimento deste proceso teñen a evidencia de que Alcoa está a "pór obstáculos imposíbeis" para non vender. "O paso dos días demostra que o único obxectivo de Alcoa é consumir este tempo 'de prórroga' para prefabricar unha exculpación polo fracaso  das negociacións", afirmou o secretario xeral da central sindical Paulo Carril.

Entre estas demandas estaría dispor dun contrato de subministros de alúmina máis alá dos cinco anos, cando desde a CIG lembran que Alcoa "aterrou reclamando garantías, subministros e prezos por prazos moi superiores". Por este motivo a central sindical amosa a súa preocupación polas declaracións de Alcoa ao redor das negociacións e teme que a multinacional norteamericana prepare un escenario de paradas das cubas en vez de "traballar de forma decidida pola continuidade da produción". 

"Non imos consentir que se traslade un posíbel fracaso das negociacións á mesa laboral ou que se queira precipitar todo á mesa negociadora do expediente de regulación de emprego (ERE) o próximo 28 de setembro", advertiu Carril, que insiste en demandar de Alcoa que acepte a mediación das administracións, "porque doutra maneira dinamitan o acordo que subscribimos o 13 de agosto, antes incluso de rematar o prazo de tempo fixado".

Manifestación nocturna en Mondoñedo

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, Cervo, continuou onte coas mobilizacións para exixir que se chegue a un acordo de venda da factoría. Unha manifestación de carácter familiar que percorreu entre as 23 e as 24 horas a vila de Mondoñedo observando sempre as medidas sanitarias previstas para este tipo de actos polas autoridades sanitarias. Nela repartíronse lanternas entre as persoas asistentes, que saíron desde a estación de autobuses e remataron na praza da Catedral.

O lema desta acción segue a ser o mesmo que empregaron noutras ocasións, 'A Mariña  sálvase  loitando'. Desde o propio comité de empresa non se descartan outras accións "sorpresa" para presionar a multinacional norteamericana no actual proceso de venda da factoría de aluminio.

Presións a Alcoa para que avance nas negociacións

Na mesa de seguimento as institucións están a presionar para que a negociación no seu último tramo avance. A Xunta da Galiza asegurou que para Alcoa "non existe ningún obstáculo insalvábel" para avanzar na venda a  Liberty da planta de San Cibrao, en Cervo. A xuízo do conselleiro de Economía, Francisco Conde, "é preciso respectar as negociacións entre empresas, pero Alcoa debe ser consciente de que debe achegar posicións con Liberty para formalizar o acordo de compravenda, buscando puntos de encontro e arranxando as cuestións que dificultan o feche da operación".

Conde amosou o seu "compromiso de colaborar, da man do Goberno español, para pór sobre a mesa os mecanismos de financiamento cos que conta para permitir que  Liberty House desenvolva o seu plan industrial".

Comentarios