O comité de empresa de Alcoa avanza que o Goberno presentará esta segunda feira o estatuto das empresas electrointensivas

Anunciouno o seu presidente após ter confirmación do propio Goberno español. Os axentes implicados poderán presentar as alegacións oportunas no prazo dunha semana

Fábrica de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Fábrica de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)

O presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, adiantou a Europa Press este sábado 8 de febreiro que os ministerios de Transición Ecolóxica e de Industria presentarán esta segunda feira pola tarde o estatuto das empresas electrointensivas, que permitirá abaratar o custo da enerxía e podería garantir a viabilidade da factoría. En concreto, indicou que o propio Goberno indicou aos sindicatos que a presentación será ás 17 horas.

Ademais, o presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao explicou que desde ese momento "abrirase un período dunha semana" para que todos os axentes implicados poidan formular as alegacións que estimen oportunas.

Zan asume que o Goberno "non" estabelecerá un contrato cun teito e un chan para o prezo enerxético das electrointensivas como pedían, mais exixe que "como mínimo" o estatuto permita "que baixe dos 40 euros o megawatio".

Neste sentido, asegura que en países como Francia ou Alemaña o megawatio se sitúa nos 31-33 euros e que "por cada euro de diferenza" no prezo, á planta de San Cibrao lle supón un custo de "tres millóns de euros".

Así, Zan insiste en que o texto que lles trasladaron en xaneiro á mesa de seguimento "non chega". "O que queremos ver é o estatuto no seu conxunto para poder facer unha valoración clara e poder facer números e saber exactamente en canto deixamos o prezo do megawatio no Estado español", engade.

Comentarios