O comité aproba unha "contraproposta" para Alcoa

O Pleno extraordinario acordou esta cuarta feira presentarlle á multinacional a súa proposta, mais antes queren consultar o seu contido cos servizos xurídicos dos sindicatos.
Rolda de prensa do comité de Alcoa (Arquivo/ Europa Press).
photo_camera Rolda de prensa do comité de Alcoa (Foto: Arquivo/ Europa Press).

As intensas reunións desta semana e a pasada entre o comité de empresa e a dirección de Alcoa en San Cibrao (Cervo) continúan sen ter aínda un resultado concreto. Nun comunicado emitido hoxe, a representación sindical explicaba que unha vez analizada a proposta da multinacional que, entre outras, sinalaba como imprescindíbel a finalización da folga, acordaba unha "contraproposta"  coa que continuar as negociacións.

Antes de enviala sinalan que "será valorada polos avogados de todos os sindicatos". Esta  contrapropuesta responde, segundo explican os representantes das traballadoras e dos traballadores, á situación na que existe un despedimento colectivo aínda sobre a mesa, xa que, aínda que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o anulou, a multinacional recorreu esta decisión, polo cal "négase a desistir" dese proceso.

Fontes da dirección da empresa recriminaran a semana pasada que o comité expuxera "exixencias adicionais". Despois disto, esta pasada segunda feira, o comité ofreceu suspender a folga se a dirección senta a negociar e se se compromete "por escrito" a non parar "ningunha das series" e ao mantemento do persoal e da produción nas instalacións da Mariña. 

No comunicado, o comité expón que, "debido a que continuamos nun proceso de ERE do que Alcoa se nega a desistir, acordamos unha proposta que leve a un acordo definitivo para que (a empresa) se sente a negociar unha venda coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI)". 

Tras as decisións da xustiza, que impediu á compañía parar as cubas de  electrolisis e anulou o despedimento colectivo que pretendía levar adiante, Alcoa volveu reunirse co comité despois da festa de Reis, sen acordo. Esta segunda feira retomou o encontro que se prolongou durante a terza feira e no que trasladou esa proposta "definitiva". 

Alcoa, despois da sentenza xudicial, asegura estar disposta a negociar unha venda á SEPI malia rexeitar as ofertas no seu momento desta e da multinacional británica Liberty House.

En declaracións aos medios, José Antonio Zan, presidente do Comité, afirmaba onte que non terían "ningún problema en chegar a un acordo" coa multinacional "a condición de que" teña "garantías" en relación cunha "saída á problemática da planta", mais agora mesmo a empresa "non desestimou continuar co proceso de ERE".

Comentarios