O comité de Alcoa convoca a empresa a unha nova reunión para salvar o emprego

O comité de empresa de Alcoa convoca a dirección da compañía a unha xuntanza para tratar de avanzar nas negociacións da venda da fábrica.

Celebración da resolución do TSXG que anulou o ERE en Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Celebración da resolución do TSXG que anulou o ERE en Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O comité de empresa de Alcoa da planta de San Cibrao (Cervo) informou de que convocou a dirección da compañía para realizar a vindeira segunda feira, 11 de xaneiro, un novo encontro tras o fracaso da reunión que tivo lugar esta semana para tratar de avanzar nas negociacións da venda da fábrica. Remarca que, polo momento, a data deste novo encontro está, en todo caso, sen confirmar.

A nota informativa do comité lembra que na reunión da pasada quinta feira entre a dirección de Alcoa e o comité ambas as partes acordaron reunirse nos próximos días, unha vez se puxesen as propostas de cada unha en coñecemento da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), como parte implicada no proceso.

Os representantes do persoal ofreceron "paz social temporal" durante sete semanas para tentar chegar a esa solución, coa SEPI como axente disposto a funcionar como intermediador na venda da fábrica da Mariña á compañía Liberty.

A reunión da pasada quinta feira, que rematou sen punto de encontro, desenvolveuse após a sentenza da sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que decretaba como nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) o pasado 17 de decembro, unha resolución que abre unha nova fase, se cadra a última, do camiño cara a continuidade da factoría de aluminio de Alcoa en San Cibrao.

A imposibilidade de aplicar o despedimento de máis de 500 traballadoras e traballadores así como a obrigatoriedade de manter as cubas en funcionamento que marca a sentenza, deixa sen argumentos a estratexia da multinacional para alongar no tempo a posíbel venda. 

Comentarios