A comisión de investigación das caixas despachou en 12 minutos a única reunión de 2020

A Xunta esgotou os prazos xudiciais para trasladar ao Parlamento a documentación relativa ao proceso de fusión, que se investiga na comisión, aprobada pola Cámara en outubro pero que non se constituíu até decembro.
Comisión de investigacion da fusión das caixas no Parlamento (Europa Press)
photo_camera Comisión de investigacion da fusión das caixas no Parlamento (Europa Press)

Doce minutos é o tempo que se dedicou no primeiro período de sesións desta lexislatura, que rematou o 31 de decembro, á comisión de investigación para analizar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros, Caixa Galicia e Caixanova, e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex directivos.

Así se recolle no balance do ano feito polo grupo popular, e remitido aos medios de comunicación en relación a esta comisión, que se constituíu o pasado 11 de decembro tras aprobalo por terceira vez o Parlamento galego o pasado 20 de outubro.

Sete anos despois de ser solicitado por primeira vez, pasados dous anos tras o inicio dun proceso xudicial e seis meses despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que obrigaba a Xunta a trasladar a documentación, o Goberno que preside Alberto Núñez Feixoo remitiu á Cámara galega o informe-proposta da conselleira de Facenda, daquela Marta Fernández Currás, e o certificado da acta da reunión da comisión de secretarios xerais, previa á reunión do Consello de la Xunta do 18 de novembro de 2010 no que se autorizou a fusión das caixas galegas.

O ex parlamentario de Anova Antón Sánchez solicitara a Xunta a documentación relativa á proposta de fusión da Xunta foi, xunto á carta de encarga da análise que fixo KPMG da viabilidade da fusión á Xunta cando se constituíu por primeira vez a comisión e acabou por recorrer á á xustiza para facer valer a súa condición de deputado e o dereito para contar cos informes reclamados.

O pasado mes de xuño, o TSXG deulle a razón, mais a Administración galega tardou seis meses en rexistrar os documentos no Parlamento e envialos ao xulgado, esgotando os prazos dados para o cumprimento da resolución xudicial.

Os informes foron remitidos por Facenda o pasado 23 de decembro e chegou ao Parlamento o 24, mais a información non foi incorporada ao expediente da comisión parlamentaria unha semana despois, e nin sequera hai referencia a que existe –como é habitual, aínda que o documento sexa secreto–.  A non incorporación desta documentación ao expediente contrasta co que ocorre con outras comisións, como é o caso da de Reactivación, mesmo con datas de entrada posteriores. 

Comentarios