A comisión encargada dos relatorios da Asemblea do BNG conclúe o seu traballo esta segunda feira

O relatorio recollerá o sentir maioritario expresado nas asembleas comarcais que decorreron nas vésperas do Consello Nacional.

asemblea bng
photo_camera Imaxe dunha AN do BNG

Esta segunda feira, 25 de xaneiro, conclúe os seus traballos a comisión redactora do relatorio de debate para a XV Asemblea Nacional do BNG, que vai decorrer o vindeiro 28 de febreiro. En apenas sete días a comisión elaborará o relatorio en base ao sentir maioritario expresados nas asembleas comarcais da fronte nacionalista que se realizaron en vésperas do Consello Nacional do pasado 16 de xaneiro, que convocou a AN. Segundo puido saber Sermos Galiza, expresarase a necesidade de repensar o nacionalismo ao tempo de afirmar a súa condición de proxecto estratéxico para Galiza.

A comisión redactora dos relatorios estaba aberta a inscrición de todos os membros do Consello Nacional que así o quixesen. Intégrana, Rubén Cela, Ana Miranda, Ana Pontón, Xosé Antón Rubal, Montse Prado, Carme Adán, Goretti Sanmartín, Alba Nogueira, Noa Presas, Francisco Jorquera, Xavier Campos, Alberte Mera, Manel Casal, Alberto Oubiña, Tereixa Paz, Néstor Rego, Xosé Emilio Vicente, Iván Rivas e Bieito Lobeira.

Debate

O relatorio comporase dun limiar descritivo da situación actual, unha tese política e unha tese de organización. No calendario da XV Asemblea Nacional figura o 30 de xaneiro como data na que o Consello Nacional do BNG aproba os relatorios da AN. A partir de aí ábrese un proceso, do 3 ao 15 febreiro, no que as asembleas comarcais debaterán e emendarán os relatorios. O 20 de febreiro volta se reunir o Consello Nacional para ditaminar as emendas.

Candidaturas

Ás 19:00 horas do 22 de febreiro expira o prazo de presentación de candidaturas ao Consello Nacional da fronte nacionalista. O 28F decorrerá a XV. Do 29 de febreiro ao 9 de marzo é o prazo para a renovación total do Consello Nacional e elección dos consellos locais e comarcais.


Ampla cobertura deste tema no Sermos Galiza nº180: editorial, reportaxes e artigo do director, Xosé Mexuto.

Comentarios