Opinión

Comezamos!

Xa estamos aquí. Veñen de facerse dous anos desde que o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. anunciara o proxecto para a saída dun diario en galego en papel e dun diario dixital. A utopía virou en realidade e podemos ulir a tinta e tocar coas mans un xornal que fai historia. Por fin se fai xustiza co idioma. E cun xornalismo coa ollada na Galiza, que mira por nós, sen axeonllarse a ningunha axenda allea. Chegamos para ficar, porque hai moito do que informar, moito que investigar e divulgar nesta época da posverdade.

É hora de darmos as grazas. Porque Nós Diario sodes todas e todos vós, as máis de 3.000 persoas que confiastes e apoiastes o que representará un punto de inflexión no xornalismo galego. As que sabedes que, para nos erixir nunha sociedade libre, necesitamos unha prensa incorruptíbel. As que acreditades nun xornalismo galego, independente, valente e feminista que só renda contas perante a verdade e a honestidade. Agora temos que seguir sumando asinantes para lograr máis calidade. Após este número cero, voltaremos de terzas a sábados a partir do 2 de xaneiro, en papel, e os 365 días do ano na rede.

[Este texto foi publicado como editorial do número cero de Nós Diario, publicado o 30 de novembro de 2019]

Comentarios